Nós-UP anuncia a súa disolución

Na asemblea nacional extraordinaria decorrida o 20 de xuño considera "esgotado" o seu ciclo político. 

Nós UP
photo_camera [Nós-UP]

Nós-Unidade Popular emitiu un comunicado de imprensa esta quinta feira (25 de xuño) no que anuncia a súa disolución como proxecto político após 14 anos da súa fundación. 

A organización independentista así o acordou nun encontro nacional decorrido, con carácter extraordinario, o 20 de xuño na capital galega. Na declaración final emanda desde conclave a militancia de Nós-UP considerou que o seu ciclo político fica "esgotado". 

"En momentos históricos extraordinarios como o actual, é necesario tomar decisións extraordinarias que permitan rectificar e avanzar", sinalan, ao tempo que afirman "a unidade da esquerda patriótica é unha necesidade ineludíbel e urxente". 

Neste senso, recoñecen a iniciativa social que está a pular por unha convocatoria unitaria de cara ao 25 de xullo, Día da Patria Galega, no que, din, a filiación da xa disolta Nós-UP participará se finalmente se chega a materializar. 

No seu comunicado de imprensa, a organización independentista entende que o "proxecto nacional galego e a súa esquerda patriótica" están en "crise" polo que apelan á "reflexión" de todas as organizacións políticas. "Deberá ser cada organización da nosa esquerda nacional a que avalie a súa propia traxectoria e evolución futura no camiño de servizo ao pobo traballador galego". 

Así mesmo, amosan o seu recoñecemento ás persoas que ao longo de 14 anos "contribuíron para o traballo político patriótico, feminista e de esquerda" a prol da "independencia e o socialismo". 

A disolución de Nós-UP prodúcese semanas despois de que un nutrido grupo de integrantes do Comité Central de Primeira Linha abandonasen a formación. 

Comentarios