NUN DEBATE NA SER CON PP E PSOE

Nós pide un proceso constituínte e En Marea participar nun “goberno do cambio”

Os cabezas de lista pola Coruña de En Marea, Nós-Candidatura Galega, PSOE e PP debateron en Radio Coruña.

radio coruña debate
photo_camera (Imaxe: Radio Coruña)


A unha semana das eleccións xerais, Radio Coruña Cadena Ser vén de organizar un debate entre os cabezas de lista pola Coruña de En Marea, Nós-Candidatura Galega, PSOE e PP. Un debate no que as forzas políticas diferiron fundamentalmente nas propostas para reformar o modelo territorial.

O número 1 de Nós na provincia, Carlos Callón, defendeu que “está no ADN de Nós –como continuadora do traballo feito polo BNG durante 20 anos no Congreso– que se fagan ouvir os problemas de Galiza”. Callón valorou esta como a principal diferenza co resto de formacións e asegurou que Nós é a única forza que pode comprometerse sen límites co país.

"Apostamos por reformular a Constitución para garantir que Galiza teña o mesmo status que outras nacións do Estado”, propuxo Callón.

“Apostamos por reformular a Constitución para garantir que Galiza teña o mesmo status que outras nacións do Estado”, dixo Callón, que pediu un proceso constituínte –“porque non chega con reformar varios artigos”– que recoñeza o carácter de nación de Galiza “fronte ao eufemismo actual de nacionalidades históricas”. Sobre as enquisas, animou “a todos o que aman Galiza” e apoien “unha esquerda coherente” a superalas votando por Nós. 

Pola súa banda, o cabeza de lista de En Marea pola Coruña, Antón Gómez-Reino, considerou que, por primeira vez, “unha forza galega, creada e dirixida desde Galiza, vai participar dun goberno do cambio”. Dixo que En Marea se presenta como “o espazo fundamental” para ese cambio no país que, segundo afirmou, xa comezou en maio coa irrupción das mareas nas eleccións municipais.

"Por primeira vez unha forza galega, creada e dirixida desde Galiza, vai participar dun goberno do cambio”, dixo Gómez-Reino.

Gómez-Reino asegurou que xente coma el está dando un paso adiante contra “os partidos da corrupción” para acabar con aqueles que “gobernan sen presentarse ás eleccións”, en referencia ás elites económicas, e destacou que todos os inquéritos apuntan a que En Marea terá representación no Congreso.

A candidata do PSOE Pilar Cancela resaltou que o seu partido defende “a galeguidade do noso país” pero manifestou que o debate territorial non era agora mesmo o máis importante fronte a cuestións como o desemprego. Cancela apostou nun modelo federal que permita a Galiza ter o mesmo peso político que o resto de comunidades. Considerou que as enquisas agora "se utilizan para condicionar á opinión pública".

Mentres, o cabeza de lista do PP Miguel Lorenzo rexeitou reformar a Constitución porque para facelo “é necesario un consenso que non se está dando”. Lorenzo manifestou que non é o momento porque “as tensións territoriais poden xerar problemas”, mais afirmou que non o descartaba “nun futuro”. 

O representante de Ciudadanos desbotou participar no debate, como ocorrera no organizado pola TVG e por este medio.

Comentarios