‘Nós’ e outras palabras de anos previos decorarán unha rúa de Lugo

O Concello de Lugo decorará unha rúa da cidade coas distintas palabras escollidas desde 2014, a comezar por ‘Nós’, a preferida de 2020.https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/gromo-mascara-nos-pandemia-seteiro-vacina-candidatas-palabras-do-ano-2020/20201216174439111929.html

No centro, Rubén Arroxo.
photo_camera No centro, Rubén Arroxo (Imaxe: Nós Diario).

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou onte que a súa área decorará unha rúa da cidade coas distintas palabras do ano escollidas desde 2014.

“Con esta iniciativa queremos seguir coa mellora as rúas da cidade ao mesmo tempo que poñemos en valor un símbolo tan importante como a lingua galega", afirma Arroxo nunha nota de prensa.

"Desde o Goberno municipal queremos seguir avanzando no vindeiro ano mellorar a imaxe de Lugo", explica o concelleiro nacionalista, que engade que "intervir nos distintos espazos públicos son o primeiro paso para conseguir este obxectivo".

Entre outras actuacións, a Tenencia de Alcaldía organizou en 2020 o festival de arte Culturban, que “nos permitiu desfrutar de intervencións artísticas variadas a pé de rúa, facendo de Lugo un lugar vangardista, participativo e amábel".

Arroxo puxo de manifesto que a iniciativa sobre as palabras do ano enmárcase nas datas próximas ao Día das Letras de 2021. As distintas palabras situaranse insertadas no pavimento dunha rúa emblemática e acompañaranse do ano no que foron distinguidas.

Palabra do Ano

A escolla da Palabra do Ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

As seis palabras do ano escollidas até o de agora son: corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño e Nós. A última coincide coa celebración dos cen anos da revista da que colleu o nome 'Nós Diario'.

Comentarios