“Nós feiramos de segunda a sexta”, a campaña para promover os días da semana tradicionais

Impulsada pola A Mesa, AGAL, PGL e Fundación Vía Galego.

O Consello da Xunta aprobou o calendario laboral da Galiza para o ano 2024 (Foto: Nós Diario).

Domingo,segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado. Eis os días da semana tradicionais en galego e no mundo da lusofonía. En Galiza aínda perviven e están vivas en boa parte do país, se ben nas persoas de máis idade. Para evitar a desaparición destas denominacións, recuperalas e darlles vida diaria xorde a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta”, impulsada por  A Mesa pola Normalización Lingüística, Portal Galego da Lingua ( PGL),  A Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego. A campaña, que vai ser presentada publicamente en febreiro,  desenvolverase ao longo de 2018.

Videoclip

A campaña irá especialmente dirixida ás crianzas, por un lado, e a medios informativos dixitais, por outro. Así, conta co apoio audiovisual da banda de música infantil Mamá Cabra, que compuxo a canción “Na segunda feira” co obxectivo de facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana tradicionais. En canto ao material gráfico, editaranse chapas, manteis de mesa infantís e un calendario que xa está a ser distribuído polos organismos promotores da campaña. 

Por outro lado, procurarase a complicidade e apoio de medios de comunicación e outras plataformas dixitais para usaren estas formas . A partir do día 19 de febreiro, será distribuído un bánner que informa do día do mes e da semana en que estamos. Premendo nel, seremos encamiñados para unha páxina web onde se ofrecerá información lingüística e histórica sobre os días da semana na mesma normativa ortográfica que normalmente usa o sitio web en que o bánner sexa inserido. A información contida nesta páxina web contará cunha unidade didáctica para ser explorada no ensino primario.

Os días da semana tradicionais

Como explican os promotores da iniciativa, algunhas denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias até ben entrado o século XX. Foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas que, aínda que tamén fosen xenuínas nunha zona máis pequena do noso territorio oriental, en xeral eran produto da adaptación fonética dos días casteláns: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.

Aproveitando o feito de aínda estaren vivas as formas tradicionais (aínda que só en persoas moi vellas), e de estaren admitidas pola norma oficial do galego, os colectivos promotores afirman querer darlles un impulso e evitar a súa desaparición.

Segundo A Mesa e a AGAL, para as persoas preocupadas polo galego “é fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria. No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”. Ao que engaden que é un sistema lexical moi emblemático dos países el moi relevante na nosa historia lingüística e política, pois o seu nacemento está intimamente vinculado ao Reino da Galiza (Galliciense Regnum) dos séculos V e VI. Aliás, é un sistema único do galego-portugués entre todas as linguas do mundo. 

Comentarios