E Nós Diario apareceu no debate...

Dúas informacións en exclusiva de Nós Diario foron citadas no debate da CRTVG entre as persoas candidatas nas eleccións do 12-X.

debate crtvg

O debate a sete entre candidatos e candidatas ás eleccións do 12-X que se desenvolveu na CRTVG na noite desta segunda feira estivo repleto, como todo debate que se preze, de cifras, estatísticas, datos... e referencias por parte das e dos participantes a novas e informacións dos medios de comunicación.

E aquí apareceu Nós Diario. E por dúas veces. A primeira, de man do candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, que leu un extracto da carta da directora de DomusVi San Lázaro que deu a coñecer en exclusiva este medio.

A carta, enviada pola directora ás familias das persoas usuarias, e á que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, sinalaba que a Consellaría de Sanidade tardou catro días en dar o visto e prace aos traslados de usuarias e usuarios contaxiados aos hospitais. Tamén aseguraba que o Goberno galego excluíu das derivacións a centros hospitalarios os grandes dependentes e sinala que non recibiron os tests PCR até o 3 de abril, "14 días despois do brote... sen palabras".

Unha información que nos días seguintes foi recollida por diferentes medios e que tamén provocou reacción políticas, coas forzas da oposición demandando explicación ao Goberno galego.

Mais non foi esta a única información publicada por Nós Diario que se citou no debate. A candidata do BNG, Ana Pontón, instou Núñez Feixoo a explicar “por que mirou para outro lado” perante as advertencias do Consello de Contas sobre as residencias, que destapara Nós Diario.

Nesa reportaxe, mostrábase como a Xunta coñecía desde 2017 as graves deficiencias das residencias privadas. A falla de medios humanos e o incumprimento das condición contractuais nos centros de maiores eran coñecidos polo Goberno galego desde, cando menos, 2017. O Consello de Contas informou a Xunta de Galiza das graves eivas.

Nas case tres horas de debate non foron poucas as referencias a temas que foron tratados e analizados en Nós Diario, desde todo o relativo a Pemex até a crise industrial da Galiza, pasando polo esfarelamento do sistema financeiro galego ou o movemento contra a censura e manipulación na CRTVG, entre outros.

Comentarios