A crise da confluencia

Noriega desbota a fórmula partido e apoia a coalición ampliada proposta por Ferreiro

Anova tamén ve con bos ollos a iniciativa do líder da Marea Atlántica.

marea xulio ferreiro martiño noriega

A fórmula partido —que a confluencia vaia ás eleccións xerais como un partido político sen outras siglas que as da propia En Marea, tal e como defende Luís Villares— sería a "que peor encaixe ten". segundo a expresión utilizada esta terza feira por Martiño Noriega, alcalde de Santiago e líder de Compostela Aberta.

Perguntado polos meios, Noriega, destacado dirixente de Anova, situouse en posicións moi próximas ás de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e o 26M aspirante á reelección, quen esta mesma segunda feira advogou por unha sorte de coalición máis ampla que a de 2016 —naquela altura concorreron ao Congreso, e unidos baixo a mesma marca, Anova, Podemos e Esquerda Unida.

A entente proposta agora por Ferreiro incluiría tamén, alén dos tres partidos devanditos, mareas municipalistas como Compostela Aberta e Marea Atlántica, ben como a propia En Marea.

Fontes da dirección de Anova consultadas por Sermos mostran tamén o seu respaldo á proposta do líder da Marea Atlántica: "A análise máis realista é a que fai Xulio [por Ferreiro]. Defender unha coalición ampliada, onde En Marea participe como unha pata máis. Ten toda a lóxica porque En Marea non representa por si soa todo o espazo [de ruptura]", afirman.

Comentarios