Opinión

De camisetas e censuras

Non teño o pracer de coñecer a Sara Marchena nin a Aurora Redondo, pero esta semana quero aproveitar este espazo de opinión, que si é libre, para amosar o meu agradecemento como xornalista por contribuírdes a defender unha TVG sen manipulacións.

Semella que para conseguilo queda moito camiño vista a censura sen disimulo que os responsables da canle pública veñen de protagonizar con estas dúas regueifeiras no programa Luar.

Levar unha camiseta de Defende a Galega e cantar en contra da manipulación valeulles unha bronca por parte de alguén que debeu de quedar a gusto.

Polo que describe unha das protagonistas, Sara, no seu Facebook, non só os de arriba decidiron cancelar o espazo da Regueifa no programa, senón que a persoa encargada de botarlle a culpa ás artistas tivo a ben pensar que estaba no dereito de lle rifar.

Póñome na tesitura de que son traballadora do citado programa e me encargan trasladar a mensaxe. Todas temos vivido ao longo dos anos traballados nos medios de comunicación situacións e experiencias incómodas coas que non concordamos e ás veces toca decidir como e que facer. Por iso, a miña solidariedade e comprensión coas traballadoras e cos traballadores da Crtvg é absoluta, pero os e as que calan e mesmo asumen con normalidade estas prácticas e están dispostos a crer que teñen algún dereito a botar unha reprimenda a dúas mulleres que o único que fixeron foi dar sentido a razón de ser da regueifa e defendendo o medio público de todas e todos me provocan moita carraxe.

Se eu tivese que facer esa chamada, porque non me quedase outra, pediría desculpas ás artistas por ter que ser transmisora dunha decisión que non fai máis que dar a razón a Sara, a Aurora, ao colectivo Defende a Galega e a todas e todos os que cada venres amosamos o noso apoio a unha loita que queda unha vez máis en evidencia, é máis que necesaria.

Remato co permiso de Sara con parte das súas palabras: “…levaba unha camiseta. Unha camiseta, non unha pistola nin unha navalla…

Semella que cando falamos de defender a galega e pedimos menos manipulación, tampouco estabamos tan lonxe da realidade”.

Comentarios