Opinión

Non somos Estremadura. A necesidade de reconstruír o relato da dependencia

1.- Hai xa bastantes anos, un compañeiro meu entrevistou a un deputado comunista brasileiro. Esperaba que lle falase dos avances sociais que estaba conseguindo Lula, quen aínda non levaba moitos anos no poder. Sen embargo, o deputado dedicou a hora que durou a entrevista a criticar o Presidente, con palabras durísimas e insultos. O meu compañeiro apagou finalmente a gravadora, bastante perplexo e preguntándose como aquel home podía seguir apoiando o goberno.
     
Hai poucos días, compartín mesa cun escritor madrileño. Pertence á xeración que viviu o activismo político da Transición. Pregunteille como estaba hoxe a esquerda en Madrid e respondeume cunha palabra: sectarismo. Pasou a man instintivamente pola fronte, mentres o dicía, e xa non lle preguntei máis.
    
Menciono estas anécdotas para explicar porque fariamos mal, aquí en Galiza, en darlle demasiada importancia á psicoloxía dos personaxes. A política, por moito que se diga, non é teatro. A política hai que baseala en algo máis sólido que os caracteres humanos, porque os caracteres humanos son como son, están en todas partes e non van mudar a curto prazo.

2.- A mediados do século XIX, Marx escribiu algúns longos artigos xornalísticos sobre a actualidade política española. Cando os lemos hoxe, o que máis nos chama a atención é a cantidade de detalles que coñecía e como se baseaba en todos eles para realizar as súas análises. Marx non ignoraba a psicoloxía dos políticos nin os instintos que moven as sociedades, pero sobre todo era materialista. O que máis nos chama a atención hoxe non é só a súa lucidez, senón tamén o seu rigor e precisión.   

A política, por moito que se diga, non é teatro. A política hai que baseala en algo máis sólido que os caracteres humanos

3.- Como ocorre en todas as crises, o tempo corre ultimamente máis rápido. Chegados a este punto, o importante é que o nacionalismo sexa capaz de construír un discurso adaptado a este momento. O economista. Edelmiro López Iglesias, animaba recentemente a facelo, desde a súa contribución no libro Historia das historias de Galicia. 

Lembremos algúns dos datos que menciona. De 1960 a hoxe, o PIB galego multiplicouse por cinco, igual que a renda per cápita. Como a poboación galega non aumentou senón que minguou, hai que atribuír este crecemento ao aumento da produtividade. Deberiamos falar, neste aspecto, de notábel éxito, senón fose porque Galiza partía de puntos moi baixos para os parámetros de hoxe. (Lembremos que hai cincuenta anos, unha parte importante da economía galega era agraria, baseábase aínda en boa medida no autoconsumo e participaba moi pouco no mercado. Polo tanto, o pouco ou moito que se producía, apenas contaba a efectos estatísticos). 

Feita esta matización, é obvio en todo caso que vivimos moito mellor que antes. Galiza saíu mesmo do grupo de rexións europeas chamadas de obxectivo 1 e a nosa distancia, tanto coa media estatal como coa media europea, acurtouse notabelmente.

De 1960 a hoxe, o PIB galego multiplicouse por cinco, igual que a renda per cápita. Como a poboación galega non aumentou senón que minguou, hai que atribuír este crecemento ao aumento da produtividade

A converxencia, en boa medida, produciuse. Como lembra, López Iglesias, se en 1960 o PIB per cápita de Galiza era o 40% do da UE-15 (os estados máis desenvolvidos da actual UE), a cifra ascende hoxe ao 80%. E se contamos a actual UE de 28 Estados, que inclúe algúns países máis pobres, o noso índice sitúase no 90% da media. Por outra parte, ese mesmo PIB por habitante está xa moi perto do 90% da media española, o que nos coloca no posto 11, das 17 comunidades autónomas. 

Por suposto, Galiza segue lonxe de Cataluña, Madrid, País Vasco e Navarra que se sitúan entre o 120 e o 135% da media española e, por suposto, tamén seguimos lonxe dos países máis desenvolvidos do norte e centro de Europa.

Edelmiro López Iglesias apunta outros dous factores importantes. Primeiro, hoxe Galiza non é xa un país de pequenos propietarios, senón de asalariados (e tamén de pensionistas). E segundo, esa mellora nas condicións de vida, que condicionou tanto o voto a favor dos partidos do sistema, veu contrapesada negativamente por unha perda de poboación ocupada. A nosa economía non xera o emprego suficiente. A poboación que traballa é inferior, en 150.000 persoas, á de mediados do século XX. 

Isto pode verse doutra maneira. Se en 1900 a poboación galega supuña o 10,6% da española, en 1960 esa porcentaxe descendera ao 8,5% e en 2011 limitábase xa ao 5,9%. O que significa que vivimos mellor, converxemos con outros territorios, pero tendemos a desaparecer como país.

Hai aínda outras novidades. A economía galega está a internacionalizarse máis rápido que a española. Se, en 1990, catro quintas partes do comercio exterior de Galiza se realizaban dentro do mercado español, na actualidade os intercambios internacionais igualan os levados a cabo con outras zonas do Estado. Neste punto, o independentismo pode encontrar unha tendencia que favorece as súas teses.

O fenómeno da internacionalización non é por outra parte novo, nin necesariamente positivo. Xoán Carmona ten lembrado como, entre o século XIX e XX, Galiza era librecambista, fronte o proteccionismo que caracterizaba case todo o resto da política española. 

O fenómeno da internacionalización non é por outra parte novo, nin necesariamente positivo. Xoán Carmona ten lembrado como, entre o século XIX e XX, Galiza era librecambista

Tampouco cabe menosprezar o actual marco autonómico, posto que a Xunta de Galicia xestiona xa un orzamento que supón o 20% do PIB galego, o que significa que posúe un importante ámbito de competencia para a regulación da economía e a xestión dos servizos públicos.

4.- Algúns dos que nos comezamos a interesar por Galiza a finais dos anos setenta formámonos, en parte, nas teses de Ramón López Suevos. A súa idea central era a de que Galiza non se podía definir como unha comunidade atrasada que ademais tiña un problema lingüístico e cultural, senón que os factores que a mantiñan subordinada eran inseparábeis uns doutros, de modo que conformaban un modelo dependente. É dicir, Galiza non era, en palabras de Suevos, igual a Estremadura ou Andalucía máis un problema nacional (ou identitario, como algúns din hoxe). Tratábase dunha situación cualitativamente distinta. Sendo Galiza e Estremadura ambas atrasadas (termo este do “atraso” claramente impreciso), nin a xénese do subdesenvolvemento nin a súa mecánica resultaban comparábeis. A subordinación afectáballe en Galiza, en maior ou menor grao, a todas as capas sociais. A dependencia era así algo que condicionaba a toda a sociedade e impedía o desenvolvemento. 

Algúns dos que nos comezamos a interesar por Galiza a finais dos anos setenta formámonos, en parte, nas teses de Ramón López Suevos

Esta formulación, non sempre doada de diferenciar doutras no seu aspecto externo, si era esencialmente distinta no fondo e marcaba a diferencia entre o Bloque e o socialismo máis autonomista ou incluso certo radicalismo. 

5.- Que Galiza padece unha situación de dependencia debería seguir sendo probabelmente unha idea aceptada, pero o propio avance económico pode transformar certas condicións desa dependencia e, polo tanto, pode obrigar a mudar ou matizar o relato nacionalista. Así, por exemplo, a multinacional Citroën que a primeiros da década dos oitenta foi definida por Xaquín Fernández Leiceaga como unha industria de enclave, hoxe ten xerado un tecido produtivo autónomo ao seu redor que obriga a modificar esta caracterización.

6.- O discurso nacionalista non pode quedar anquilosado nin debe asumir unha visión pesimista da historia, reflexo de determinadas circunstancias concretas. Tampouco debe ser mimético. Analicemos a nosa realidade e actuemos en consecuencia, tendo en conta que o que empeza ben pode acabar mal e tamén viceversa. 

Comentarios