Opinión

Non é só unha cuestión catalá

Fronte ao autoritarismo e a cegueira antidemocrática sumamos voces para mostrar a nosa solidariedade cun pobo que quere decidir o seu futuro. Para rachar un escenario mediático represivo. As ordes de prisión sen xuízo contra os membros do Govern e dirixentes da ANC e Òmnium son propias dun Estado de excepción. O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, dixo que "debía impoñerse a forza da razón", tan só se impuxo a forza sen razón do Estado.

Hai tempo que a chamada "cuestión catalá" deixou de ser unha cuestión do pobo de Cataluña para ser un problema de todas as cidadás do Estado e vemos como as nosas liberdades e dereitos están en perigo no conxunto do Estado español, especialmente para aqueles e aquelas que defendemos o dereito a decidilo todo das nosas nacións. O feito de que unha norma xurídica poida estirarse, poida ter diferentes interpretacións e cargas punitivas, xera un estado de indefensión abafante que conculca dereitos fundamentais, aqueles que están recollidos no Capítulo I da Constitución, que xa se viron limitados coa Lei Mordaza e agora moito máis coa implantación do 155. 

Hai tempo que a chamada "cuestión catalá" deixou de ser unha cuestión do pobo de Cataluña para ser un problema de todas as cidadás do Estado

 

No Código Penal actual está tipificada a malversación con penas de 3 a 6 anos, como norma xeral, e roubando toda a caixa forte do Estado, máximo 8 anos, ou a comechura de 2 a 6 anos. Pola contra, a sedición supón penas de entre 8 e 10 anos de cadea, entre 10 e 15 se os responsables son cargos públicos, e entre 4 e 8 para calquera cidadán que participe en “tumultos”, nova forma de chamar ás manifestacións e concentracións pacificas, o que evidencia un uso desproporcionado e interesado de categorías xurídicas pensadas para estados de guerra que agora se aplican a un movemento democrático, popular, que dende a mobilización e en diferentes procesos electorais reclamou masivamente a creación da República Catalá.

A liberdade de expresión non só se exerce nas institucións. Os que pretenden reducila a iso saben que neses marcos non é doado que entren todas as voces. As ideas e as voces deben expresarse nas prazas e nas rúas. O Réxime do 78 criminaliza esas formas de expresión: nos conflitos laborais, cando a mocidade toma as rúas para criticar a privatización do ensino, durante o 15-M e sempre que un pobo se levanta, a dereita activa primeiro a maquinaria ideolóxica e se é necesario tamén a represiva. Non estamos diante dun problema menor: Cataluña evidencia a falta de mecanismos democráticos e institucionais para activar posibles resolucións a un conflito político. No fondo quen defenden a aplicación do 155 teñen unha visión uniformista e unitarial do Estado español, que descarta calquera hipótese federal ou confederal, nega a capacidade dos pobos a decidir libremente o seu futuro e converte o autogoberno nunha xestoría para descentralizar as políticas do Estado Central.

Pois, aparte dos dereitos civís, outro dos elementos que perigan neste momento é o avance cara ao dereito de autodeterminación das nacións no Estado español e, mesmo, ponse en cuestión a propia idea do autogoberno. Alberto Núñez Feijóo é un alumno avantaxado da escola unionista: en 2016 presentou no seu programa electoral as mesmas recuperacións de competencias que en 2012. A Feijóo ata lle sobra a reducida capacidade de autogoberno, como para agardar unha proposta de avance na nosa capacidade para decidir sobre o noso futuro entrementres o Partido Popular non sexa desaloxado das institución do autogoberno galego. A aplicación do 155 supón o pistoletazo de saída dun proceso de recentralización brutal, no que os Estatutos de Autonomía degradaranse até a condición de Cartas Outorgadas. 

Alberto Núñez Feijóo é un alumno avantaxado da escola unionista: en 2016 presentou no seu programa electoral as mesmas recuperacións de competencias que en 2012

 

Non estamos diante dun debate que só teña que ver coa lexítima aspiración de Cataluña a independizarse. Non nos interpela só aos nacionalistas. Interpela a todos as persoas interesadas en impulsar procesos de Unidade Popular nos que un mínimo común denominador é o recoñecemento de Galiza como nación e a defensa do seu dereito á autodeterminación. Mínimo común recollido tanto no programa de AGE en 2012 como nos diferentes programas electorais de En Marea.

Non podemos calar cando un proceso cívico e democrático, como é o catalán con clara base popular e sostido no tempo, é reprimido con penas de prisión preventiva pola Audiencia Nacional.

A aplicación do 155 supón o pistoletazo de saída dun proceso de recentralización brutal, no que os Estatutos de Autonomía degradaranse até a condición de Cartas Outorgadas

 

É evidente que o 21-D vai estar atravesado por unha demanda compartida por miles de cidadáns en Cataluña: a defensa da República Catalá. Non só defenden esta idea, senón que consideran que a única maneira de chegar a ese escenario é mediante urnas, con fórmulas democráticas. Se o independentismo volve gañar unhas eleccións marcadas por un escenario de excepcionalidade e de represión, a proposta do Estado español será a mesma? Nin as cargas policiais do 1-O nin o 155 solucionan absolutamente nada. Ningún Estado é sostible se non ten o consentimento do pobo, se non artella formas de democracia real. 

Comentarios