Opinión

Non sen a miña lingua

Non son a única que, en múltiples ocasións, ten posto en paralelo a situación da muller e a situación da minorizada lingua galega. Ao fin e ao cabo, estamos a falar nos dous casos de desigualdade. E fronte a estas inxustizas vimos empregando desde hai anos diferentes ferramentas.

No ámbito da procura da igualdade de trato e oportunidades, do respecto dos dereitos das mulleres temos reclamado: accións positivas, visibilización, romper co teito de cristal e afastarse do chan pegañento, respecto, que non nos traten coma meniñas porque somos mulleres intelixentes e con capacidade plena para defendernos e decidirmos…

Deámoslle a volta. Poñamos un espello. A nosa lingua tamén é unha lingua madura e capaz que só precisa afastarse do chan pegañento que a deixa dentro da casa, romper o teito de cristal que a impide acadar ámbitos como a ciencia ou o cine, estar máis visíbel en todos os espazos, accións positivas que a convirtan no que sempre foi, a nosa lingua, na aldea e na cidade, na casa e na rúa, na escola e no patio, nun mostrador ou nunha manifestación.

Igual que non podo entender que unha persoa que se autocualifica de ecoloxista e/ou naturalista e que loita pola supervivencia das especies dos diferentes reinos que habitan o planeta non use a nosa lingua, tampouco podo entender que as que se nomean feministas non reparen nesta inxustiza e non actúen tamén contra dela.

Non é a primeira vez que me sinto estraña, estranxeira, lembrando a de Castro, cando acudo a unha mobilización e escoito falar nun idioma que non é o propio de Galiza. En determinada altura, cando pasei da estrañeza a non sentirme representada, marchei. E cando o pasado 8M, pletórica do noso éxito tomando as rúas da cidade que ostentou a maior mobilización do Estado (quen sabe se de toda a Península), entusiasmada coa participación de mozas novísimas que están desexando tomar o relevo e miran para nós, volvín sentirme estranxeira, fíxoseme un nó no estómago.

E decidín que non, non sen a miña lingua. Porque loitar por unha sociedade máis xusta en que as mulleres gocemos plenamente de todos os dereitos e non sexamos discriminadas, implica tamén combater outras inxustizas. Cando non podemos comprender e abranguer todas as loitas algo falla. E eu, eu encartarei a miña bandeira e marcharei, buscando un lugar en que non me sentir estranxeira. Da mesma maneira que marcho cando noutro tipo de actos, situacións ou mobilizacións me sinto agredida como muller.

É doado de entender. Este lugar que pisamos só ten unha lingua propia e esa lingua é o galego. Non deixemos que nos confundan. O español non é a nosa lingua, é unha lingua oficial, pero iso non a converte en lingua de Galiza (reparemos na insistencia neste argumento por parte dos sectores máis sistémicos).

Reparen en quen insiste no contrario, quen inverte manipuladoramente a realidade, son os mesmos, si, eses que chamamos sistema patriarcal. O sistema patriarcal capitalista.

Estes días a Asociación de Escritora-es en Lingua Galega (AELG) organizou en Pontevedra o Parlamento de Escritora-es. E alí, na xornada inaugural, falando de liberdades civís e dereitos nacionais, de violencia institucional e violencia estrutural na sociedade, con Adán, Mintegi, Pujol, Adell, Amaral e de Toro reflexionamos xustamente sobre isto, sobre como a lingua é o primeiro sinal de identidade en ser obxecto de violencia sistémica, como a violencia é un todo, que non debe ser estratificado ou segregado.

Comentarios