Opinión

O non-rescate, outro mito da Unión Europea

Hai uns días participei nunha actividade internacional online na que o ministro de Asuntos Exteriores da República Bolivariana de Venezuela, Jorge Arreaza, realizaba unha exposición central baixo o título “A agresión imperialista multifacética contra Venezuela” seguida de intervencións e preguntas por parte do resto de participantes procedentes de case trinta países; nas preguntas realizadas varios participantes manifestaron curiosidade por coñecer a súa valoración sobre a actitude da Unión Europea cara a Venezuela.

O chanceler Arreaza iniciou a resposta cunha pequena puntualización para min moi importante pero que esquece moita esquerda. O chanceler dixo que o imperialismo non son os Estados Unidos, que o imperialismo non é a Casa Branca, e que sendo certo que o Goberno dos EUA é a principal face pública do imperialismo, este ten outros moitos rostros políticos detrás dos que se ocultan as corporacións. Manifestando a continuación que a Unión Europea é o segundo rostro en importancia do capitalismo, unha Unión Europea que en determinados momentos pode ter diferenzas de matiz pero nunca de fondo cos EUA, pois á hora da verdade é unha institución que funciona en base á mesma estratexia do capital.

Nese mesmo día o presidente do Goberno español comparecía no Congreso, comparecencia precedida de case dez días de propaganda ampulosa sobre a gran vitoria dun Pedro Sánchez que encabezou o grupo de Estados do sur da UE na loita contra os países frugais que querían impoñer un rescate máis duro que os sufridos por Portugal e Grecia hai uns anos; rescate que segundo se nos di non se producirá grazas ao exitoso combate gañado por Sánchez.

E semella que esa estratexia propagandística está dando resultados, sendo escasas as voces que como a do BNG se atreven a dicir que o grande acordo é un rescate con todas a letras e con todo o seu contido. E aínda que nos papeis non aparece a referencia aos señores de negro da troica, non cabe dúbida de que detrás das famosas reformas o que se agochan son novos recortes.

Nas semanas previas ao Cumio Europeo albiscábase un futuro dantesco, pois inexorabelmente os Estados frugais liderados polo malvado primeiro ministro holandés Mark Rutte ían impoñer a cambio das axudas duras condicións que afectarían ás lexislacións laboral e fiscal e ás pensións dos Estados do sur, esixindo no caso das pensións a imposición da coñecida como mochila austríaca.

O bombardeo de noticias pesimistas e o recordo dos duros sacrificios asumidos por gregos e portugueses foron preparando o noso ánimo para o peor.

Pero todo cambiou en poucos días grazas ao prestidixitador Pedro Sánchez, que emulando a grandiosa historia milenaria das Españas conseguiu traer de Bruxelas un acordo magnífico; e o apelo á historia milenaria das Españas non é esaxerado, pois repasando o publicado e emitido polos grandes medios atopamos referencias ao papel dos Terzos de Flandes e ao suposto ánimo de vinganza dos protestantes e calvinistas centroeuropeos contra os católicos do sur; todo isto en boca non de reaccionarios de extrema dereita senón de opinadores e tertulianos do mundo progre.

E produciuse o clímax co apoio entusiástico de gran parte da esquerda española á denominación de Segundo Plan Marshall, asumindo unha falsificación da historia que oculta que aquel plan posterior á Segunda Guerra Mundial tiña por obxectivos fundamentais estruturar a economía da Europa Occidental en función dun organigrama que poñía os intereses económicos e políticos dos EUA no centro e impedía calquera tipo de desenvolvemento autónomo ou de relación coa Europa Oriental, creando así un muro do que pouco se ten falado pero moito máis eficaz que o de Berlín.

Aos poucos iremos comprobando como para acceder aos préstamos porán enriba da mesa importantes recortes en liña con esa doutrina neoliberal que segue inxectándonos a idea de que debemos sacrificarnos pois non hai alternativa posíbel ao actual modelo económico, e ademais vivimos xa no mellor dos mundos posíbeis.

Comentarios