Opinión

Non podes ser neutral se buscas mudar as cousas

Hai uns días no medio dun pequeno debate electrónico cunha persoa apareceu a palabra neutral referida a si eu era ou non neutral nunha determinada cuestión, e desde ese día non me sae da cabeza a tan manida palabra.


Hai uns días no medio dun pequeno debate electrónico cunha persoa apareceu a palabra neutral referida a si eu era ou non neutral nunha determinada cuestión, e desde ese día non me sae da cabeza a tan manida palabra.

Hoxe en día neutral e neutralidade son palabras que teñen unha connotación positiva e a moi poucos se lles pasa pola cabeza cuestionar esa connotación positiva, mais temos casos dabondo da tráxica farsa que supón a neutralidade ou dos efectos que esta provoca, desde a neutralidade Suíza que a fin de contas é simplemente o mellor xeito que ten o estado suízo de manter os seus negocios até o papel xogado polas potencias europeas supostamente neutrais durante a guerra do 1936 que obxectivamente favoreceu a vitoria dos fascistas. 

Neste días nos que non din quitado da cabeza a tan manida palabra busquei opinións ao respecto, atopei con Eduardo Galeano que hai uns meses na súa visita á Habana manifestaba que “…a neutralidade é imposíbel nun mundo que se divide entre indignos e indignados…” e con Zizek lembrándonos que “…resulta imposíbel non ser parcial, porque mesmo a neutralidade supón tomar partido…”, pero sen desmerecer esas duas opinións debo recoñecer que a explicación que máis me reafirmou sobre a imposibilidade de ser neutral foi a do meu compañeiro Senim cando lle pedín a súa opinión e comentou que para el “…a neutralidade como tal como persoa política non existe…”. 

Persoa e política son palabras que teñen moita forza por separado e se poñemos unha ao carón da outra esa forza multiplícase e poden servirnos para definir perfectamente a historia da humanidade. A historia é un proceso dialéctico protagonizado por persoas que fan política porque toman decisións, e tanto para avanzar como para retroceder deben tomar partido, sendo tomar partido a antítese da neutralidade.

E se hai que tomar partido sempre hoxe é moito máis necesario facelo fronte ao desánimo e ao pesimismo no que caen algunas persoas. Quen desexe mudar o mundo non pode ficar á espreita, debe convertir ese desexo en acto e iso só se consigue mollándose. Mollarse é debatir, falar, argumentar e comprometerse; mollarse é moverse polo idioma, defender o dereito a producir e a vivir nunhas condicións dignas, mollarse é construir o futuro día a día. E cando te mollas non es neutral pois estás actuando como persoa e fas política.

Comentarios