Entrevista a Alfonso Barreiro

"Non podemos esquecer que as nenas e nenos van ser os lectores do mañá"

O debuxante de banda deseñada Alfonso Barreiro (Noia, 1980) presenta esta sexta feira, día 24, na vila que o viu nacer, Troglo & Dita, a súa segunda obra. Un cómic en galego e destinado a ese público menos recordado dentro do xénero, o infantil. A historia, que encerra unha ensinanza final, ten por protagonistas dúas persoas cavernícolas ás cales as nenas e os nenos poderán acompañar durante o transcurso das súas experiencias vitais.

Alfonso Barreiro
photo_camera [Imaxe: Cedida] Alfonso Barreiro posa cas súas dúas primeiras obras en solitario.

Desde pequeno sempre tiveches interese pola banda deseñada, mais estudaches enxeñaría naval, por que esta decisión?

Un pouco por descoñecemento e outro pouco por medo. Cando eu era pequeno lía cómics de autores estranxeiros e tamén de algún español, como Ibáñez ou Bernet, aos cales vía moi lonxe.

Sempre tiven gusto por debuxar e pola lectura, pero cando me quixen dedicar a algo non me atrevín a apostar polo cómic porque o vía moi distante e tampouco había un sitio onde poder aprender. Ao final decidinme pola enxeñaría porque, por aquel tempo, era moi boa opción para, como di a xente, ter un traballo que che dea de comer o día de mañá. Tamén porque me daba a oportunidade de debuxar algo, aínda que fose menos artístico e máis técnico.

En 2013 matriculácheste na escola de deseño O Garaxe Hermético formando parte da primeira promoción, de que forma afectou esta formación na túa posterior carreira como debuxante?

A escola axudoume da mellor forma posíbel. Tiven a oportunidade de comezar a traballar cando estaba no centro, durante o meu último ano, facendo as ilustracións da obra “A viva voz” de Isabel Pichel.

Despois diso, publiquei varios libros en conxunto co Garaxe e participei nalgún xornal, como Sermos Galiza. Actualmente estou traballando na revista A viñeta de Schrödinger (cuxo director é o director do Garaxe, Kiko da Silvia), dou clases extraescolares no propio centro e uns obradoiros cada sábado no liceo de Noia. Estou encantado co cambio e, a escola no meu caso, foi efectiva ao 100%.

Nos últimos tempos valórase moito a novela gráfica e o cómic adulto e parece que se está deixando un pouco de lado o público infantil

Troglo e Dita é o teu segundo traballo tras Curuxa, a voz de Azazel, ambos cómics dirixidos a un público infantil. Cal é a túa motivación á hora de escoller esta audiencia?

A principal razón é que teño sobriñas e sobriños e amigos con fillos e sempre tiven moita conexión coa rapazada. Outra das motivacións é que nos últimos tempos se valora moito a novela gráfica e o cómic adulto e parece que se está deixando un pouco de lado o público infantil.

Si, hai cómics como Asterix, Tintín ou os Pitufos, pero quitando as publicacións xa coñecidas, obras de autor e en galego non hai tantas. Temos a Xacobo Fernández e a Kiko da Silva, e non sei se a alguén máis. Actualmente publícase moito para os lectores de agora. Eu penso que non nos podemos esquecer de que as nenas e os nenos van ser os lectores do mañá e tamén temos que coidalos.

Que quere transmitir esta obra?

A mensaxe do cómic é que os trogloditas non pensan moi ben o que fan e só perciben as cousa de xeito superficial. Troglo só ve a beleza de Dita e esta, á súa vez, non se fixa nel porque é feo. A historia trata sobre a importancia de ver o interior das persoas e ir un pouquiño máis alá, que é onde radica a verdadeira beleza.

A historia trata sobre a importancia de ver o interior das persoas e ir un pouquiño máis alá, que é onde radica a verdadeira beleza

A idea deste último cómic estivo presente desde que de pequeno viches a película Hai un millón de anos.

Si, é unha película que me gustou moito desde cativo e os personaxes saíron un pouco dela. A protagonista do filme, Raquel Welch, é unha inspiración para a representación de Dita e Troglo tamén ten un aire a Tumak, o personaxe masculino, aínda que mesturado con Popeye.

A imaxe de Raquel Welch cun triquini de pel axustado, unha vestimenta que se reflicte na túa obra, suscitou críticas entre o público. Consideras isto como a sexualización da muller ou algo que no cómic permite afondar nese discurso de que a beleza non é o importante?

Exactamente. É a forma de afondar na ensinanza do cómic de que non hai que centrarse no de fóra e si no de dentro. Se te fixas, Troglo non ve en Dita o que ten no seu interior, e ela tampouco se fixa nel polo seu aspecto físico. Na obra tamén hai figuras masculinas con músculos, dos cales ela se namora con tan só velos. Ademais, a protagonista feminina é intelixente, descobre e inventa cousas. Vese que non está aí por estar.

Comentarios