ASEMBLEA DA CUP

Empate a 1.515 votos entre o "si" e o "non" á investidura de Mas

[ACTUALIZADA ÁS 20.58] Na terceira rolda de votación da asemblea nacional da CUP en Sabadell, ambas as opcións, a do "si" á investidura de Artur Mas e a do "non" ficaron en táboas, con 1.515 votos cada unha. Este resultado ten lugar após impoñerse na segunda volta o "non" por 1.512 votos (49,70%) ao "si", que obtivera 482 apoios, un 48,71%.

[Imaxe: NacióDigital]
photo_camera [Imaxe: NacióDigital]

Empate perfecto entre as persoas partidarias do "si" e do "non", con 1.515 apoios cada unha das dúas opcións. A terceira rolda de votacións non resultou definitiva e non logrou dilucidar o posicionamento da CUP de cara ao investimento de Artur Mas como president da Generalitat. Após o atraso do reconto e da posterior rolda de imprensa da organización, coñeceuse que tanto a opción primeira como a segunda ficaron igualadas a votos.

A CUP convocou o Consello Político e o grupo parlamentar o 2 de xaneiro para tratar de atopar unha solución

Dados os resultados, a CUP convocou o Consello Político e o grupo parlamentar para tratar de atopar unha solución. A formación política vén de informar de que convocará o Consello Político o 2 de xaneiro para decidir que farán os deputados e deputadas.

Estas foron as dúas opcións finalistas que acabaron empatadas a votos:

1) “Aceptar a proposta de acordo político co obxectivo de avanzar cara á creación dunha república catalá a partir dunha folla de ruta de desconexión institucional e de ruptura democrática, un plan de choque de emerxencia social e un proceso constituínte popular e democrático que permita ensanchar a base do proceso. E, en consecuencia, aceptar el Consello de presidencia encabezado por Artur Mas”.

2) “Rexeitar o Consello de presidencia encabezado por Artur Mas e, polo tanto, a proposta de acordo político. Esgotar o prazo de negociación para una presidencia de consenso con plan de choque, folla de ruta para a ruptura e proceso constituínte co obxectivo de ensanchar a base do proceso de creación dunha república catalá. Asumir que haberá novas eleccións no caso de que Junts pel Sí non presente unha alternativa á Presidencia”.

A segunda volta

Na segunda votación do día, ficou eliminada a terceira das opcións, após gañar o "non" a Mas da segunda opción por 1.512 votos, o 49,7%, seguida da primeira vía, a do "si" a Mas, con 1.482, o 48,71%. A terceira das opcións só obtivo 28 votos, o 0,92% dos apoios. Ademais, rexistráronse 6 votos nulos e 14 brancos.

Após os resultados das dúas primeiras roldas de votacións, foron rexeitados os seguintes escenarios:

a) “Rexeitar o Consello de presidencia encabezado por Artur Mas e, polo tanto, a proposta de acordo político. Trasladarlle a Junts pel Si a responsabilidade de buscar apoio alén do grupo parlamentar da CUP-CC a través da nosa abstención no pleno de investidura. No caso de que Junts pel Si non obtiver máis apoio, asumir que que haberá novas eleccións”. Este era o cuarto punto, que foi rexeitado na primeira rolda de votacións.

b) “Rexeitar a proposta de acordo político de plan de choque, proceso constituínte, folla de ruta para a ruptura e o Consello de presidencia. Favorecer a investidura de Artur Mas co obxectivo de evitar unhas novas eleccións, desbloquear a situación actual e seguir traballando para ensanchar a base do proceso e para a creación dunha república catalá”.

Os catro escenarios, en resumo

Os catro escenarios entre os que votaron as máis de 3.000 persoas militantes e simpatizantes da CUP que participaron na asemblea desde as 9h deste domingo, 27 de decembro, foron aceptar as medidas políticas da proposta de Junts Pel Si e aceptar Mas como president; outro era rexeitar Mas e seguir negociando con Junts pel Si; a outra opción era desbotar as propstas de Junts Pel Si mais facilitar a investidura de Mas por parte da CUP; e a outra era rexeitar a proposta de medidas políticas e Mas, e instar Junts Pel Si a buscar acordos sen a CUP a través da abstención no Pleno de investidura.

Máis en Països Catalans
Comentarios