PALABRAS CON MEMORIA

Non hai indiscreción máis fea que inmiscirse en vida allea

photo_camera Mellor non metermos os fuciños nas vidas alleas

Aselar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Asexar, axexar, vixiar, espiar.

Lugar de escoita.- Agolada (Pontevedra).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

Averiguado/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Entremetido, curioso, osmón. Exemplo: “Este/a é un/ha averiguado/a”.

Lugar de escoita.- Sto. Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Bixutear.- Vixiar, percibir.

Lugar de escoita.- Negreira.

Fonte.- Marta Dacosta.

Outros apuntamentos.- Aclara a fonte que a palabra foille recollida a unha muller de Negreira por un mariñeiro chamado Antón Parada.

Contomiñeiro.- (Adxectivo e substantivo) Que gusta de andar sempre criticando e contando cousas dos demais, contiqueiro.

Lugar de escoita.- Melide.

Fonte.- Henrique Harguindey.

Planetas.- Dise daquel que se mete en asuntos que non lle incumben ou que pretende saber e opinar de todo.

Exemplo: “Eu non aguanto a ese planetas, que quere saber de todo”.

Lugar de escoita.- A zona de Amoeiro (Ourense).

Fonte.- Carlos Manuel Gómez Bóveda.

Ramallo.- (Ademais de significados obvios. En sentido figurado) Persoa que asexa parellas mentres manteñen relacións sexuais, voyeur.

Lugar de escoita.- Caranza (Ferrol).

Fonte.- Emma Rodríguez López.

Outros apuntamentos.- Os voyeurs asexan ocultos detrás de algo, así que sendo a acción ao aire libre, o parapeto adoitaba ser un ramallo.

Toutear.- (Ademais doutros significados rexistrados) Vixiar. 

Exemplo: “Que veciño temos, sempre está touteando, moi interesado no que facemos”.

Lugar de escoita.- Burela.

Fonte.- Mario Ferreira.

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

Comentarios