Opinión

Editorial #Sermos345: Non fomos quen!

Podiamos estar quietas e quietos, deixar que as novas se publicasen sen atender as problemáticas sociais e laborais das galegas e dos galegos, que as voces fosen distintas pero expresando sempre a mesma idea, sen contraste. Podiamos permitir que as informacións fosen filtradas e depuradas por gabinetes de prensa de gobernos e de grandes empresas con pregamentos sen rubor aos seus intereses. Mais... non fomos quen!

Podiamos seguir exercendo unha práctica tan negativa para erguer a nosa autoestima colectiva: estar continuamente laiándonos de que non haxa diarios no idioma propio de Galiza (en que nación do mundo acontece isto?) sen dar alternativas. Comprobar que o número de falantes descende e non ter estratexia para frear e reverter o proceso. Mais... non fomos quen!

Por iso lanzamos Nós Diario. O medio de comunicación –en papel 5 días á semana e na rede os 365 días ao ano– ao que lle debemos falar ás nosas amizades e coñecidos. Desde xa iniciamos unha campaña de divulgación dun novo instrumento de comunicación, colectivo e plural, que estará na rúa desde o 2 de xaneiro de 2020.

Si, non fomos quen... de ficar paralizados! Somos Galiza, o pobo que non renuncia a buscar o seu lugar no mundo e a interpretalo informativamente desde Nós. Grazas por nos apoiares. Se aínda non estás, aquí está Castelao no álbum Nós, “Non lle poñades chatas á obra mentres non se remata. O que pense que vai mal que traballe nela, hai sitio para todos”.

Comentarios