Opinión

Non facemos o que debemos

En Catalunya moitas persoas levaron unha sorpresa cando descubriron como era España, sabían que non se lles tiña moita simpatía, mais non imaxinaron que a xente común de moitos lugares animasen aos seus fillos a acudir alí a ocupar aquel país e a baterlle berrando “¡a por ellos!”. Moitas persoas alí levaron un golpe de realidade española, perderon unha inocencia infantil na que viviran e que lles foi prexudicial e as deixou indefensas.

Nós non temos motivo para ignorar como é España nin como actúa este estado, nunca deixamos de coñecer de vez o que era padecer gobernantes franquistas e posfranquistas, autoritarios, corruptos e amigos de contrabandistas e narcotraficantes. Non deberamos ser inxenuos, e se o somos hai motivos para sentírmonos culpábeis de covardía moral por non enfrontar a nosa realidade. Ocorre con todo, son ladróns e, loxicamente, rouban; son franquistas e, lóxicamente, fan políticas franquistas. Estes días aflorou a evidencia da política practicada por esta Xunta de Feijóo contra a nosa lingua, unha política a man tenta para acabar coa lingua galega como parte dunha política para expoliar calquera cousa que sexa nosa e impor a lingua, as ideas e os intereses da corte madrileña á que serven.

Alén dos caseiros que serven á corte os demais somos covardes uns e outros cómplices.

 

Evidentemente quen a realiza son inimigos da nosa lingua, é dicir inimigos da existencia da Galiza como un país. Pódese dicir que fixemos e facemos unha oposición o bastante como correspondería facela? Xa contesto eu: non. Alén dos caseiros que serven á corte os demais somos covardes uns e outros cómplices.

Arrasan, esa é a súa política. E, despois, conceden esmola graciosamente. Sostiveron esa política de liquidación de falantes, séguena a soster e, a que pasen as eleccións, farán un xesto estético de “protexer a nosa querida lingua vernácula”, etc.

De cantas maneiras e canta xente dun modo ou doutro non asentiu, asentimos, e así sostivemos, sostemos, a uns canallas. Cantas veces non lles temos sorrido na vez de negarlles a palabra e o saúdo.

Comentarios