Relacións internacionais

“Non existen canais sistematizados de diplomacia Galiza-China, só accións puntuais”

O IGADI presentará esta vindeira cuarta feira, 23 de outubro, en Compostela o proxecto 'O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: camiños para o diálogo Oriente-Occidente' co que procura facer unha diagnose da situación actual das ligazóns sino-galaicas alén das turísticas. Falamos co seu director, Daniel González Pau, que nos explica algunhas das súas claves.

china-igadi
photo_camera "A chinesa é unha sociedade heteroxénea en si mesma", apunta González Palau

A vindeira cuarta feira, 23 de outubro, coincidindo co 32º aniversario da designación por parte do Consello de Europa do Camiño de Santiago como o primeiro Itinerario cultural europeo, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) vai presentar en Compostela o proxecto O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: camiños para o diálogo Oriente-Occidente. Este nace dentro do contexto actual da Estratexia Galega de Acción Exterior e ao abeiro da convocatoria O teu Xacobeo, impulsada pola Consellaría de Turismo e Cultura da Xunta, e conta coa colaboración dos Concellos de Santiago, Lugo, A Coruña e Pontevedra.

O director do IGADI, Daniel González Palau, explica que o proxecto ten “tres obxectivos específicos”. Primeiro, “identificar unha rede de intereses Galiza-China, de institucións, universidades, empresas, entidades socioculturais ou axentes turísticos”. Aínda que o aspecto turístico neste caso, di, é algo “complementario”, sempre respondendo á natureza do IGADI, “que é a diplomacia galega e a acción exterior da Galiza”.

En segundo lugar, sinala, o seguinte paso será “elaborar un estudo polo medio dunha serie de entrevistas e de revisión bibliográfica, co fin de facer unha diagnose de cal é a situación actual das relacións Galiza-China”, ao tempo que “se estabelecerá un plan de actuación para colocar Galiza e o Xacobeo 2021 na China”.

Compostela, capital das relacións China-UE

Finalmente, en terceiro lugar, está “o máis ambicioso dos obxectivos” do plan. Isto é, “promover ao longo dos sete meses que dura o proxecto Galiza, e Santiago de Compostela en particular, como capital das relacións UE-China”, en base ás “converxencias” existentes entre a Ruta da Seda e o Camiño de Santiago como “itinerarios de convivencia multicultural”, explica o director do IGADI.

igadi-xacobeoAo termo do proxecto, no mes de abril de 2020, está previsto a súa presentación nunha conferencia en Compostela, onde se agarda a presenza de representantes da China, da UE e, obviamente, da Galiza. Paralelamente, o proxecto conta cun plan de comunicación, con canles específicas nas redes sociais de Twitter e Facebook, así como na rede social chinesa WeChat nas que visibilizar todas as actividades que se vaian elaborando. Ao respecto, desde o IGADI animan as persoas usuarias a proporcionar calquera contacto relevante que poida ser de interese para o proxecto a través de [email protected]

Relacións actuais Galiza-China

Cuestionado sobre os vínculos sino-galaicos actuais, González Palau sinala que, primeiro, “hai que ter en conta o evidente á hora de pensar nas relación bilaterais”. “A chinesa é unha sociedade de case 1,5 millóns de persoas, heteroxénea en si mesma. Son moitos mundos dentro dun só Estado; mentres que a Galiza é unha nacionalidade histórica de tres millóns de persoas dentro do Estado español”, explica.

Neste sentido, asegura que no seu momento se levaron a cabo iniciativas desde o IGADI, “impulsadas por Xulio Ríos (ex director do IGADI e especialista na política China)”, para centrarse en rexións chinesas “fóra do arco do arco Beijing-Shanghai”, tales como por exemplo a Mongolia Interior.

“Falla de diagnose”

“A nivel económico-comercial, na última década aumentou bastante a presenza do capital chinés na Galiza en varios sectores como o da automoción ou o alimentario, así como tamén o de empresas galegas na China”, indica. Porén, a nivel institucional, González Palau di que fóra da viaxe que o presidente [da Xunta, Alberto Núñez] Feixoo fixo a Shanghai en 2017 ou as realizadas polo conselleiro de Economía, “non existen canais sistematizados de diplomacia, son só accións puntuais”.

É a nivel académico, argumenta, onde “máis se acelerou nos últimos anos o proceso de relacións Galiza-China, coa presenza de estudantes chineses nas universidades galegas, especialmente na USC”, alén doutras noutro tipo de dimensións, como a recepción de delegacións chinesas por parte do Consello da Cultura ou a relación que mantén o propio IGADI coa Academia de Ciencias Sociais da China desde hai moitos anos. “Múltiples e variadas ligazóns, mais sen unha diagnose máis alá do superficial”, conclúe.

Comentarios