Xoán Carlos Domínguez, premio Lueiro Rey de xornalismo

"Non estaremos nunha democracia real até que a dereita repudie o franquismo"

O artigo O segredo mellor gardado levou a primeira edición do premio de xornalismo Manuel Lueiro Rey do Concello de Fornelos de Montes. É obra do escritor e colaborador de Sermos Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966). Cunha prosa tensa, repasa a vida dun avó que combateu por defender as liberdades, "a xustiza social e os seus inmorrentes ideais".
 

Xoán Carlos Domínguez Alberte
photo_camera O escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte. Foto: cedida.

"Non vivimos nunha democracia normalizada. As vítimas nin sequera puideron verbalizar" a súa condición de vítimas, denuncia a respecto das dificultades para recuperar o relato do antifascismo. Domínguez Alberte, que prepara un libro de poemas para Galaxia, vén, a maiores, de entregar un ensaio á revista A Trabe de Ouro: Senlleiros e esquecidos, sobre a represión na Terra de Celanova.

O 5 de novembro, en Fornelos de Montes, recollerá o galardón.


-O avó que protagoniza o artigo existiu?

-Si, existiu, e existiu ate non hai moito tempo. O texto baséase en fontes de memoria oral moi achegadas a min. E a área de incidencia é a miña bisbarra, a Terra de Celanova, onde teño traballado durante décadas sobre a memoria histórica.

-A que se debe o medo á memoria?

-Débese, evidentemente, ao círculo vicioso de políticas, leis, tribunais e medios de comunicación que se retroalimenta. Vémolo agora co que sucede en Catalunya. A base do sistema en que vivimos foi pactada co franquismo. E eu insisto, así o escribín moitas veces en Sermos e noutros lugares, non estaremos nunha democracia real ate que a dereita rexeite e repudie o franquismo.

-Mais ese medo non é unicamente da dereita, senón, nalgúnha medida, social.

-É que xente como este avó do artigo, que padeceron moito, que sufriron, nunca puideron falar destes temas. Amais de seren vítimas, non puideron verbalizalo. Non vivimos nunha democracia normalizada. Ao contrario que noutros países europeos, o fascismo non foi repudiado. Seguimos cos mesmos dirixentes, que se foron sucedendo uns aos outros desde o franquismo. Quedou todo atado e ben atado.

-E, ao seu ver, para que serve recuperar a memoria histórica?

-É fundamental para dar a coñecer a verdade á xente nova, e non tan nova, para construír un mundo novo diferente do que vivimos e para que non se volvan cometer os erros que se cometeron. E nese punto é moi importante a escola, como reivindico no artigo, unha escola libre e laica.

-Os ideais republicanos.

-Claro, porque a República era a democracia real, popular.

-Que lle di Manuel Lueiro Rey, o escritor que dá nome ao certame que vostede gañou? Non é unha figura, de certo xeito, esquecida?

-Como tantas outras figuras fundamentais da nosa cultura. Porque el foi un personaxe que non se deixou corromper e sempre defendeu os valores da República. Lueiro, amais de escritor, fixo un xornalismo libre, independente e intelixente. Como Roberto Blanco Torres, sobre o que tamén teño investigado, ou como o meu paisano Curros Enríquez.

-Escritores metidos a xornalistas.

-Si, cultivaron a cotío o xornalismo como voz en defensa das liberdades e a xustiza social. Necesitamos ese xornalismo, sobre todo na sociedade en que vivimos.

Comentarios