Opinión

Que non escampe a chuvia en Lugo 

"Nunca choveu que non escampara é un dito tópico". A resignada asunción sobre que cando as nubes descargan nada vai ser posible. Só queda agardar a que a natureza deixe de estourar para volver á rutina. As malas xeiras mudan na calma e a tempestade sempre vai marcar os tempos da acción. É unha expresión compatible co "mexan por nós e temos que dicir que chove". Proverbios contrarios á rebeldía. Os galegos teñen que ser quen de convivir co tempo e poden conquistar fronteiras aínda que teñan a auga ó pescozo, porque este elemento ten maior presenza en nós que no resto de pobos. 

Como a resistencia é un atributo que forma parte do ADN do CD Lugo, equipo testán que quere seguir escribindo o seu futuro no fútbol profesional, os albivermellos non poden esperar a que escampe para sacar a cabeza do pozo. Porque no Estadio do Miño chove todo o ano aínda que fóra saia o sol. Choven billetes de orzamentos superiores, caen chuzos de indecisións arbitrais e aínda que o campo estea case cuberto as pingueiras agroman nos fondos, froito dunha xestión deportiva que impide vivir un curso con tranquilidade. 

Monteagudo é un técnico de terras máis ben secas. Pola contra acadou a súa primeira vitoria no banco do CD Lugo nun día que rompeu os higrómetros. Salvou unha bóla de partido contra un rival directo na loita pola permanencia como é o Cordoba. Fíxoo con infinito sufrimento. Un parámetro co que se escribirán todas as crónicas que quedan de agora en diante. Iso si, os do servizo de hemodinámica do Hospital Universitario Lucus Augusti non teñen que temer. Que sigan a operar nun vergoñento horario diurno, que as arritmias cardíacas que provoca o máximo representante do fútbol na provincia só afectan uns miles. Cifra ínfima dentro dos máis de 300.000 habitantes que ten a provincia. E o peor, existe a asunción de que é o normal. "Somos o Lugo" é unha frase para capar os soñadores que se entrega coas entradas cando veñen mal dadas. Cando o Lugo pode ser tan grande como o Benevento que subiu á Serie A, como os mineiros do Cobresal que reinaron en Chile ou como a Grecia campioa de Europa. 

Choven billetes de orzamentos superiores, caen chuzos de indecisións arbitrais e aínda que o campo estea case cuberto as pingueiras agroman nos fondos


Ser do Lugo segue a ser unha doenza rara que nunca vai superar na cidade os trastornos exóticos que sofren miles de lugueses. Os que lles levan a suar por equipos que están a miles de quilómetros do seu lar. Ou máis ben do seu sofá e da barra de bar, as mellores tribunas para esbardallar sobre o que pasará en Madrid e Barcelona. Unha vez máis volveuse a amosar que o balbordo das redes ten a mesma tradución na realidade que as enquisas electorais ou de gustos televisivos. Ninguén votou o PP logo do Prestige, ninguén sabe quen son os concursantes do GH VIP e os rechouchíos equivalen a manifestantes. A afección autoconvocárase na semana previa ó partido a través de Twitter e outras canles para recibir o equipo antes do encontro. Tan só unha vintena de valentes agarraron as bandeiras e o entusiasmo para aparecer dúas horas antes do partido a carón da entrada dos xogadores. Este exercicio estoico de compromiso sorprendeu máis a algún xogador que se viñeran os hinchas de Boca ou River. Coma se fosen uns percebeiros en época de mar brava. 


A entrada ó campo non foi mellor: 2.700 persoas que non atoparon ningún tipo de razón para non presenciar un dos partidos máis importantes no que vai de tempada. O frío, a hora, o telefilm, a trampa do Venres Negro, unha partida de tute, unha sesta, observar o Garañón, configurar o teléfono en modo avión… Calquera escusa é válida para dicirlle que non ó fútbol en directo, unha das manifestacións humanas máis auténticas nas que celebras os goles con persoas ás que noutros eidos lles arrebolarías un sacho á cabeza. Iso si, logo son "moi de Lugho e no lo niegho" e outras 'fateadas', como se di neste bloque dialectal. Aínda que o aforo foi menor ó de citas anteriores, os que estiveron arrexuntáronse para non rematar empapados, e o roce fixo o cariño e o alento para un Lugo que o precisaba como o comer. 

Ser do Lugo segue a ser unha doenza rara que nunca vai superar na cidade os trastornos exóticos que sofren miles de lugueses

 

Tanto como anotar antes que o Córdoba, que estreou técnico, un Curro Torres que estivo a piques de converterse en adestrador do Lugo en varias ocasións. E máis de 300 minutos despois chegou un gol lugués. Unha man absurda de Vallejo que se converteu nun penalti anotado por Herrera. Fin a un periodo de ansiedade que se traduciu nunha celebración grupal na banda. Nesa aperta colectiva fundíronse os seareiros, que viron neste xesto o sinal de compromiso que precisaban. Era xusto o que necesitaban as dúas partes: fe. Non foi o triunfo soñado. Malia que Iriome ampliou distancias pouco despois cun semierro, o Córdoba abaneou o rival até que recurtou distancias con De las Cuevas como protagonista. 

O fútbol en directo, unha das manifestacións humanas máis auténticas nas que celebras os goles con persoas ás que noutros eidos lles arrebolarías un sacho á cabeza


A segunda metade foi outro exercicio de precaria resistencia. Os albivermellos foron mártires do esforzo da primeira metade, nada irracional, pero suficiente para deixar coa batería en mínimos a este equipo. Algún xogador rematou chorando e frustrado. Nas bágoas pode verse a dor dun conxunto ó que non lle están a sair as cousas e que non pode quedarse cunha lectura resultadista desta final anticipada. Está por ver se o fondo físico ten un límite tan baixo ou se a presión por defender o resultado desmontou por completo os locais. E non escampou. O público combateu o medo da derrota con cánticos. Ó seu xeito, porque esta non é unha bancada cantareira. Ata o asubío final, redención que lonxe de presentar tempos mellores só alerta sobre o que vén enriba. Este triunfo sufrido contra un rival directo só deixou o Lugo un punto por riba do descenso, o inferno co que este ano terá unha relación complicada. A estas alturas, o ano pasado, o equipo asinaba un anómalo segundo posto. Semella que fai séculos… 


 

Comentarios