BLOG DE LUíS BARá SOBRE MEMORIA REPRESALIADA

Non des a esquecemento reseña o libro 'Un Cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36'

O blog de Luís Bará, filólogo, profesor e concelleiro do BNG en Pontevedra, recolle unha reseña do segundo libro de Montse Fajardo, Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, que trata da represión fascista a partir de xullo do 36.

Mario Granell Voces
photo_camera Mario Granell Voces

No  seu blog, Non des a esquecementoLuís Bará sinala que o libro recolle “historias dramáticas, impactantes, conmovedoras” de persoas “humildes” que grazas ao libro de Montse Fajardo saen do anonimato ao que os condenou o esquecemento imposto polo fascismo. Non só estas persoas anónimas, que cobran vida, protagonizan a obra, tamén o fan as súas familias, as persoas que quedaron, e que seguen tendo presente o terror “como unha marca gravada a ferro na pel”.

Bará dá conta tamén da “extraordinaria sensibilidade para captar os detalles” que ten Montse Farjardo, mais advirte de que “contra o que poida parecer, Un cesto de mazás non é un libro pesimista, derrotista, triste. Todo o contrario. É unha obra esperanzada, combativa, rebordante de orgullo e dignidade” sobre vidas que merecen ser contadas. Da autora tamén salienta a capacidade de “tomar partido” polos protagonistas, “ponse no seu lado, na súa pel, na súa dor” e salienta que “conxuga con mestría o oficio xornalístico, a investigación histórica e a narración literaria”.

Comentarios