Así naceu o ecoloxismo na Galiza

Non a Xove nuclear

Hai 43 anos, nas estradas que unen Viveiro con Xove escribiuse unha das páxinas máis importantes da loita popular e ecoloxista na Galiza. 8.000 persoas, respondendo a unha convocatoria das Comisións Labregas, deron un paso decisivo na paralización da central nuclear proxectada por Fenosa na Galiza.

Marcha en Xove (Foto: Pablo Viz)
photo_camera Marcha en Xove (Imaxe: Pablo Viz)

“Sabíamos que a enerxía nuclear era mortífera porque xa coñecíamos as publicacións e o labor que o movemento antinuclear estaba levando adiante noutros lugares de Europa”. Quen así fala é Lois Diéguez, naquela altura cadro clandestino do nacionalismo en Lugo, futuro portavoz da Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) e organizador do primeiro acto informativo contra a instalación da central nuclear de Xove. Unhas semanas despois de que un consorcio formado por Fenosa, Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fixese pública a intención de pór en marcha a factoría na parroquia da Regodela en Xove, a asociación cultural Valle Inclán organizaba unha palestra para informar do proxecto.

Diéguez lembra aquel primeiro acto decorrido en novembro de 1973 “nun local prestado polo Banco Bilbao e moi utilizado por Valle Inclán nos primeiros anos”. Á palestra de Lugo, coa presenza de Xosé Manuel Beiras, seguiuna unha mesa redonda en Viveiro, impulsada pola Asociación Cultural Sementeira, onde tomaron a palabra o propio Beiras e o enxeñeiro do Concello de Lugo Mario Iglesias, na altura amigo dalgúns militantes nacionalistas como Manuel María, Saleta Goi e Lois Diéguez.

A asociación Sementeira, tal é como lembrou Francisco Luís Rodríguez Guerreiro nun recente traballo sobre a súa historia, xogou un papel chave na concienciación e mobilización da veciñanza das zonas afectadas contra o proxecto de nuclear.

“A defensa dun modelo de desenvolvemento sustentábel estaba moi presente na nosa alternativa”, continua Diéguez, en conversa con Nós Diario, ao lembrar “as loitas ecolóxicas” libradas naquel momento.

“Teño tamén moi presente as mobilizacións contra as celulosas e concretamente contra a de Quiroga, que de ir adiante ía deixar arrasado aquel val impresionante, así como a oposición ao modelo de trasporte fixado polas autoestradas”, sinala Diéguez. “A dereita acusábanos de que nos opoñiamos á creación de postos de traballo, un discurso que debiamos desmontar nunhas circunstancias moi difíciles pola grande emigración”, remata o escritor.

Unha marcha sen autorización

“A marcha non estaba autorizada pero decidimos tirar para adiante con ela”, salienta en declaracións a Nós Diario Xosé Lois Ledo, na altura responsábel dos Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL) na zona de Lugo, unha estrutura organizativa impulsada pola Unión do Povo Galego (UPG), cun papel central na preparación da mobilización.

"Xa con anterioridade á marcha tivera lugar unha manifestación polas rúas de Viveiro, tras un acto organizado polas empresas promotoras da central nuclear no cine Orfeo”, continúa Ledo, que recorda “o traballo de axitación dos membros dos CALL nos meses previos xa coa orientación clara de mobilizar”.

“Foron moitas xuntanzas e asembleas parroquia a parroquia e casa a casa para sensibilizar do problema. Unha actividade que se viu favorecida pola proximidade persoal dos membros dos CALL aos afectados”, sinala Ledo.

A comezos de xaneiro de 1977, as organización sociais e políticas do nacionalismo, agrupadas no que naquela altura se coñecía como movemento nacional popular galego, tentaron convocar unha manifestación contra o proxecto de central nuclear, na dupla perspectiva de expresar a súa oposición á mesma e de socializar o conflito a nivel nacional. Porén, a mobilización foi prohibida.

Ás 10 da maña de 10 de abril de 1977, 8.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas partiron de Viveiro, rematando tres horas despois na parroquia de Lago, en Xove. Alí, no adro da parroquia, tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove; Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove; Emilio López Pérez “Milucho”, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas. Ao remate da marcha, unha delegación da dirección da UPG, encabezada por Elvira Souto, mantivo unha reunión cos afectados nos terreos onde estaba previsto instalar a central, dirixíndolles a palabra Ramón Múñiz, responsábel do sector agrario deste partido.

"Intento de instrumentalización" do PC

“Foi un acto marabilloso”, indica a Nós Diario Elvira Souto, que unha semana antes viña de ser elixida secretaria xeral da UPG, formación política que continuaba na ilegalidade no momento da celebración da marcha de Xove. Souto lembra “o intento de instrumentalización da convocatoria por parte do Partido Comunista, que fora legalizado por Adolfo Suárez un día antes e que tentou boicotear o acto de feche con berros de que falen os labregos como se os que estivesen falando alí non fosen labregos”.

A resposta popular sorprendeu mesmamente as dirixentes das organizacións nacionalistas, que botaron anos concienciando e mobilizando a xente sobre os riscos da enerxía nuclear. “A grande capacidade de mobilización da xente ficou demostrada na marcha de Xove. Non eramos nos sos, a militancia e afiliación do nacionalismo. Había moitas persoas da zona, moita xente directamente afectada de diversas idades”, destaca Souto, significando que “as persoas maiores, malia que nos eramos moi novos, facíannos caso e depositaban a súa confianza en nós”.

“A paralización da central nuclear de Xove foi un grande éxito do nacionalismo, mais semella que o nacionalismo nunca reivindicou ben os éxitos que tivo”, afirma Souto, que lamenta que o nacionalismo “moitas veces mire máis as súas derrotas que os seus trunfos, que foron moitos”. Así, destaca que “o que se movía no país eramos nós, os que estabamos a carón da xente e das súas reivindicacións. Era o nacionalismo, en quen se movía a favor do país. Sempre estivemos moi atentos aos problemas do país”.

Comentarios