NO A FONDO DESTA SEMANA

Tradución en galego: Calidade en precario

Poucos sectores hai tan invisíbeis e precisos ao mesmo tempo para a normalización cultural como a tradución. A ela lle dedicamos o A Fondo desta semana.

capa tradución

No A Fondo desta semana pasamos revista á situación da tradución ao galego e dende o galego da man do profesor e filólogo Gonzalo Constenla Bergueiro.

No caderniño de análise do Sermos Galiza dase conta desa auténtica revolución que o sector viviu dende inicios de século, grazas á profesionalización achegada polas xeracións egresadas da facultade de Tradución de Vigo e un apoio institucional hoxe desaparecido. De ser unha acto militante, pasou a actividade profesionalizada, mais en precario. "A maior parte dos e das profesionais non poden traballar só coa nosa lingua", explican Ruth Layús, José-Luis Morais e Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).

Unha actividade en precario mais de calidade destacábel, como da conta a concesión do premio estatal de tradución, en 2014, ao Ulises de Joyce verquido ao galego. "É un fito da historia cultural galega", destaca na entrevista deste A Fondo Eva Almazán, destacada tradutora galega no eido literario que formou parte da equipa que traspuxo á nosa lingua a obra.

Feminizada e invisíbel

"Da situación das mulleres no ámbito da tradución, e da precariedade e insivisibilidade que vai parella, fálanos a escritora María Reimóndez"

Tradutora e muller, Eva Almazán é bo simbolo da feminización da profesión. Da situación das mulleres no ámbito da tradución, e da precariedade e insivisibilidade que vai parella, fálanos a escritora María Reimóndez: "A invisibilización da tradución e das tradutoras e a invisibilización de procesos de mediación que afectan directamente as nosas vidas, dende o paquete de cereais ata as series de televisión".

Josu Zabaleta, tradutor e membro da academia da lingua vasca, revisa o lugar da tradución das linguas minoritarias e as problemáticas que lle afectan, como a folclorización na escolla dos títulos que se verquen a outras linguas. "O gosto literario común está dirixido por un puñado de axentes literarios. Se non, non se entende como nos son tan descoñecidas literaturas actuais como a rusa e as africana en lingua francesa ou portuguesa", subliña.

"Traduzir de português para galego, e à inversa...?" ─pregúntase Carlos Quiroga─ "Nom ao 1º, dispêndio de recursos; sim ao 2º, se a sociedade continua subjugada pola versom geral de 'galego' que a sua casta intelectual teima em lhe impor"

Do portugués e ao portugués

Carlos Quiroga, profesor de literaturas lusófonas na Universidade de Santiago, afonda nun debate aínda sen resolver: a tradución do portugués ao galego e viceverse: "Traduzir de português para galego, e à inversa...?" ─pregúntase Quiroga─ "Nom ao 1º, dispêndio de recursos; sim ao 2º, se a sociedade continua subjugada pola versom geral de 'galego' que a sua casta intelectual teima em lhe impor"

Neal Baxter, profesor de Interpretación Simultánea da Universidade de Vigo, repara nos factores sociolóxicos que están por detrás da tradución e da intrepretación. Entre elas, as cuestións que determinan a selección de obras que se traducen a unha lingua ou o potencial simbólico da tradución simultánea nas institucións de representación política, como a UE, para prestixiar a lingua.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios