Opinión

No camiño

Moverse está na esencia dos seres humanos. As leis da física indícannos que o movemento é sempre algo relativo con respecto a quen está parada, ou a outros entes en movemento. Sen dúbida, para avaliar o camiño que cada corpo, individual ou colectivo, toma, é fundamental saber o punto de partida.

Para moitas, o resultado das eleccións do pasado domingo non foi o agardado: queriamos a Ana Pontón na presidencia da Xunta. Mais, considerando a totalidade do camiño, non é precisamente momento de desánimo. O punto de partida era complicado: recuperar un partido deteriorado internamente e tamén de cara á cidadanía e facelo no habitual ambiente de escurantismo e hostilidade.

A miúdo, hai camiños que cómpre andar co tino das formigas que, por pequenas que parezan, son quen de furar labirintos enteiros baixo a terra, sachando no día a día, nun traballo máis lento pero de raíz máis fonda. Por suposto, hai moitas lecturas da revalidación da “maioría absoluta” (cun 23% dos votos, a vitoria é sempre da abstención, en realidade) de Feijóo, mais se unha está clara é que resulta doado ter apoio social cando tes todos os medios do teu lado. Cando a túa mensaxe chega, maquillada e embelecida, día si e día tamén á sociedade por terra, mar e aire, obviamente é moito máis doado convencer a xente de que a túa opción é a mellor e non deixar que se coñeza nunca outra.

Malia estas dificultades e o peso de moitos estereotipos, Ana Pontón e o seu equipo foron quen de dar unha volta a todo isto dende a proximidade, a empatía e un programa claro. O domingo nalgunha canle de comentaristas españois un deles indicaba que ninguén sabía que programa tiña o BNG. Pensei para min que non o sabería el, para moitas estaba ben claro: reforzar o público, afianzar dereitos lingüísticos, das mulleres, dos colectivos LGBTI, protexer o medio e o emprego en Galicia, apostar pola innovación. É este un programa que non pode ser só dun partido, senón dun país.

Traballar polos dereitos sociais é un proxecto sempre en marcha, gañe quen gañe as eleccións. E se algo nos ensina o movemento é que a desilusión nunca construíu nada, cómpre seguir poñendo cadaquén os pasos. Sigamos falando con quen nos rodea, sigamos camiñando. Ben sei (vivo en Vigo!) que cansa ir costa arriba todo o tempo. Mais non por iso deixamos de movernos. E os músculos, sen dúbida, fanse máis fortes. Temos catro anos para facer que outras se boten a andar.

Comentarios