HORACIO VERBITSKY, ESCRITOR E XORNALISTA DO DIARIO ARXENTINO PÁGINA 12

"Nisman estaba subordinado á embaixada de Estados Unidos"

Horacio Verbitsky é un dos periodistas máis coñecidos da Arxentina. Entrevistámolo no seu despacho en Bos Aires en pleno escándalo polo caso Nisman.

Leva como alcume "El Perro" pola súa escrita directa e incisiva. Horacio Verbitsy é un dos periodistas máis coñecidos da Arxentina, intelectual latinoamericano de relevo e profundo coñecedor da realidade política do continente. Entrevistámolo no seu despacho en Bos Aires, co caso Nisman a arder en Arxentina e o ambiente tensado pola proximidade das eleccións presidenciais do outono.

-Que hai no mar de fondo do caso Nisman das estreitas e cuestionadas relacións entre xustiza e servizos de intelixencia?

-No ano 2003, cando chega o presidente Kirchner ao goberno, desclasifica toda a información ao redor do atentado contra a AMIA, , a sede das organizacións comunitarias xudías da Arxentina e crea unha unidade especial de investigación na cal designa a Nisman. Durante 12 anos Nisman e os servizos de intelixencia manéxanse con absoluta discrecionalidade e sixilo. O fiscal Nisman está totalmente subordinado ao director de contraintelixencia da secretaría de Intelixencia e á embaixada de Estados Unidos. No paquete revelado por Wikileaks vese que Nisman visitaba de forma regular a embaixada dos Estados Unidos, poñía a consideración dos funcionarios da embaixada todas as pezas da investigación e incluso borradores de dictames. Era unha submisión tremenda. Impresióname que non sexa agora un escándalo maior.

-É ese contexto o que leva nun momento determinado a acusar a Cristina?

-Perfecto. A mediados de 2013, Nisman presenta un traballo de 500 follas que produce un episodio sen antecedentes na historia xudicial arxentina… Describe células iranís, formas de funcionamento, células durmidas… cousas que están absolutamente fóra do obxecto procesual da súa incumbencia. Obviamente é todo material que lle deron os servizos de intelixencia e ademais é material que os servizos de intelixencia recibiron de Estados Unidos. A dereita estadounidense oponse firmemente  ao xiro do presidente Obama con Irán e Nisman e o caso AMIA son un alfil nese xogo. Arman con todo iso un caso por suposto contra Cristina, por suposto contra Venezuela, que é a presunta ponte entre Irán e Arxentina, e por suposto contra Obama.

A entrevista completa, unha dupla páxina, podes achala no número 141 de Sermos Galiza, disponíbel nos pontos habituais de venda e na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios