Opinión

Nin fondo nin forma

Di quen non ten que pedir na rúa tras perder o traballo, que toda crise é unha oportunidade e nese espírito houbo un tempo no que pensei que se cadra a suposta “crise” ía significar unha oportunidade de transformación para o sistema de cooperación ao desenvolvemento. Digo “suposta crise” porque millóns de persoas levan décadas vivindo en pobreza extrema e iso non nos pareceu “crise” abonda para cambiar nada, nin tan sequera establecer un sistema de cooperación xusto. As oportunidades para o sistema de cooperación eran, para min, claras. Cando a xente ten menos cartos para contribuír ás organizacións é o mellor momento para explicar que a cooperación non é “dar do que nos sobra”, senón criticar as raíces dun sistema que establecemos nós, no Norte, e que nos beneficia a nós. É hora de falar de xustiza social, de hábitos de consumo, das ferramentas do cambio que están nas nosas mans. A “crise” evidenciou que ese sistema que a provocou fai dano a todo o mundo (é triste decatarse só cando a lama chega á túa porta, pero máis vale tarde ca nunca) e que é hora de unir as mans e buscar as solucións en quen as ten, basicamente, nas mulleres do Sur, motores de cambio e lideresas dunha resistencia pacífica e silenciosa a tantos monstros que no fondo son o mesmo monstro. Elas traballan cada día, arriscando moitas veces a súa vida e sempre a súa seguridade, para que non se patenten os alimentos, para que os medicamentos sexan accesibles, para que o coñecemento dos pobos non sexa erradicado no beneficio das empresas. As ONGs de cooperación tiñan unha oportunidade de ouro para falar destas interconexións, para tender pontes entre sociedades civís e artellar movementos conxuntos.

É hora de unir as mans e buscar as solucións en quen as ten, basicamente, nas mulleres do Sur

A cuestión é que se ben esa oportunidade estaba e está aí, a deglución da crise polo sistema de cooperación en xeral (non vou entrar a valorar polo resto da sociedade) e polas ONGs non críticas (a inmensa maioría) en particular foi precisamente o contrario: exacerbar o discurso da caridade, ampliar o seu “campo de negocio” (perdoando o cinismo, pero xa son moitos anos de predicar no deserto) das crianzas negras ás crianzas brancas e basicamente seguir reproducindo os máis básicos esquemas coloniais. O único que diminuíra fora a súa capacidade de incidencia pública, esa que para as organizacións críticas como Implicadas no desenvolvemento, sempre fora pequena, porque as nosas mensaxes non son populares, nin dixeribles e buscan o incomodo propio como única maneira de cambiar o mal alleo*.

Nesa diminución da capacidade de incidencia pública botei anos celebrando con alivio a ausencia dos odiados “telemaratóns” das pantallas televisivas. Ata a semana pasada, cando comprobei estupefacta (por non dicir iracunda) que a Televisión de Galicia, un ente público que financiamos as galegas e galegos, ofrecía non un, senón dous espazos de máxima audiencia e unha gran cantidade de caras populares para organizar un espectáculo da indignidade en calibre superior a favor dunha ONG estatal española, á que me nego a facer máis publicidade, pero que coñecín hai máis de vinte anos con certa proximidade e que sei que, entre outras cousas, non é quen nin de facer a súa comunicación asociativa en galego, non vaia ser. Esta ONG, como bastantes outras, utiliza, aínda por riba, a estratexia de financiamento dos chamados “apadriñamentos”, que basicamente consiste en mandarche a imaxe dun/ha menor para que che dea pena e lles deas diñeiro. A relación de superioridade das brancas sobre as negras/marróns queda así ben afianzada e provoca o reconforto esperado da persoa que dá e a indignidade extrema de quen recibe, reafirmando tamén a diferenza entre nosoutras, que somos persoas e obviamente nunca se nos ocorrería mandar unha foto da nosa filla a un sueco para que nos dea diñeiro se non chegamos a fin de mes, e “elas” que son infantís, menores e, como pobres, (circunstancia na que nós que estamos na nosa casa moi cómodas e que seguimos mercando en Zara e no Mercadona, non temos nada que ver, deusnoslibre!) xa teñen obriga de someterse a calquera indignidade para levar un teórico cacho de pan á boca. Todo moi edificante.

Se o fondo do asunto xa dá para a ira profunda, na súa forma os telemaratóns son a encarnación televisiva de todo o que a cooperación ao desenvolvemento ten de nefasto: tiran a dignidade das persoas, colócanas como obxectos de consumo do sufrimento alleo, evitan dar un entendemento das causas de por que existe a pobreza e crean nas persoas que os vén e colaboran o eterno sentimento da “branca/o salvador/a” (normalmente de crianzas e mulleres). É precisamente este marco mental no que se asenta a explotación que fai que esas crianzas e mulleres vivan a vida que viven. E precisamente aí está o problema de base. Aí está tamén a necesidade do traballo de organizacións críticas como Implicadas no Desenvolvemento, que levamos case vinte anos traballando para crear outro imaxinario, que a pesar do seu nome non é algo produto da fantasía, senón a maneira en que xustificamos a explotación allea. Son moitos anos de sachar nunha leira chea de croios, con cero visibilidade e con moitísimos atrancos, cada día maiores.

Se o fondo do asunto xa dá para a ira profunda, na súa forma os telemaratóns son a encarnación televisiva de todo o que a cooperación ao desenvolvemento ten de nefasto

Por iso tamén a forma fai dano. Porque que unha televisión pública galega lle dea espazo a organizacións estatais da caridade e a outras que traballamos aquí no día a día nos dea irrisorios minutos de pantalla*, só cando facemos algo excepcional e sempre grazas á colaboración de persoas sensibilizadas e amigas que traballan no medio, invalida o asunto xa de forma completa. A estas alturas aburre ter que dicir que para Galicia, a relación que establezamos con outros pobos non é un mero ornamento, senón unha chave para o noso futuro. A caridade desactiva as alianzas entre iguais e a nós, como pobo, fannos moita falta. O telemaratón é tamén unha oportunidade máis para desactivarnos como pobo, para facernos produtos do pensamento único. Sabemos que a Televisión de Galicia non é un ente que precisamente traballe de seu por crear un espazo nacional propio, pero así como noutras cousas se detecta este fracaso e traizón colectiva máis facilmente, no caso do telemaratón estou segura de que este aspecto pasou desapercibido mesmo para as persoas benintencionadas da nosa cultura que participaron nel. Facer país é tamén apoiar as organizacións galegas que facemos o mundo diferente. Dende aquí, coas nosas prioridades e en alianzas cos movementos feministas, agrarios e anticapitalistas da nosa propia sociedade e das sociedades do Sur. Somos organizacións activas, abertas e que calquera que teña interese pode coñecer e apoiar, tamén as caras coñecidas da Televisión de Galicia. Se cadra o único que cómpre é menos boas intencións e máis vontade por exercer con responsabilidade a visibilidade pública que a televisión outorga (é dicir, informándose máis e comprendendo con que se colabora e para que, que parece que para mercar unha estufa miramos tres catálogos pero cando son “causas benéficas” válenos todo; nunha falamos de cacharros, noutra de persoas, se cadra era ben inverter os esforzos).

Que no ano 2016 a Televisión de Galicia emita este telemaratón indícanos que claramente estamos fracasando como pobo na forma e no fondo, no xeito e na dignidade

Que no ano 2016 a Televisión de Galicia emita este telemaratón indícanos que claramente estamos fracasando como pobo na forma e no fondo, no xeito e na dignidade. Que nos estamos fallando e lles estamos fallando a quen agarda de nós máis ca unha reprodución do marco colonial en versión moderna. Noutra lectura, indica tamén que o traballo de organizacións coma Implicadas no Desenvolvemento é fundamental e cada día máis necesario e que é hora de que, sobre todo aquelas persoas que traballan polo país, se empecen a poñer do noso lado.

* Para quen queira coñecer a que nos dedicamos, ademais das vías convencionais temos unha aplicación gratuíta para Android e IOS que se chama SUMA con Implicadas que vos animo a descargar.

* Aquí (https://www.youtube.com/watch?v=e0807cz4jRo) pódese ver o programa que Implicadas produciu con motivo do décimo aniversario do festival Implícate! Noite de música e palabra solidaria, e que a Televisión de Galicia se comprometeu a emitir en 2015 e nunca fixo.

Comentarios