Nicanor Acosta, premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade

O xurado tivo en conta a súa traxectoria exemplar en defensa dos máis débiles e a súa constancia en defensa de causas xustas.

Nicanor Acosta
photo_camera Nicanor Acosta

Nicanor Acosta Alonso é Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade 2019. Así o decidiu o xurado por unanimidade en base a unha traxectoria “exemplar en defensa dos máis débiles e a súa constancia en defensa de causas xustas”.

Con 78 anos Nicanor Acosta persiste na defensa dos valores cívicos e humanos. Loitou contra a ditadura franquista, segue loitando pola Memoria Histórica e no seu relato vital amosa unha loita diaria e dun exemplo sempre de compromiso. "Era cura da parroquia coruñesa de San Jorge en 1969. Detido por enfrontarse á ditadura franquista, estivo un ano no cárcere de Zamora.  En 1971 comeza cun activismo en “Comercio Xusto”, Foro “Própolis”, “Asociación de Educadores pola paz” en Compostela, “Foro da Emigración”, campaña “SOS polos dereitos das persoas migrantes”; participa na Coruña na constitución da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica".

Participou no movemento 15M en 2011, acampando cos máis novos. Membro activo do “Stop desahucios” participando en escraches e resistencias a desafiuzamentos. No 2013 e 2016 ten que ir a xuízos por “alterar a seguridade” e chamar “ladróns” aos que vendían produtos tóxicos da banca, sendo a persoa máis visíbel das protestas e convocatorias das persoas afectadas polas preferentes. Participa tamén no colectivo de ex–presas/os políticas/os na ditadura.

O premio conta coa colaboración do Deputación e do Concello da Coruña. Nas dúas primeiras edicións foron premiadas a A.C. Alexandre Bóveda e Asociación de Veciños de Monte Alto.

Comentarios