Opinión

Next Generation, a proposta e a estratexia

Os numerosos recursos que na Unión Europea teñen como finalidade reconstruír a economía, do que o máis importante é o Next Generation, pretenden facelo sen mudar as características esenciais do sistema, ou sexa garantindo a centralización e concentración da riqueza e do poder. Neste caso, dado a situación de confrontación mundial, seica será dando un maior peso ás actividades que se completen no marco da Union Europea. Un proceso que implicará un reaxuste do papel de cada nacionalidade no proceso produtivo, en beneficio dos estados máis fortes. Unha restruturación que iría ademais acompañada dunha maior fragmentación e menor capacidade mobilizadora da clase traballadora, como xa está a suceder, aproveitando o control das empresas sobre a dixitalización e alentando as diversidades identitarias subxectivas, para aumentar a taxa de lucro do capital.

Tampouco se pode obviar que parte dos fondos son subvencións e parte prestamos, e seu custe será pagado no futuro pola povoación

Estes regresivos obxectivos no social e nacional galego fican reflectidos no caso do Estado español cando se impuxo que os proxectos a presentar en Bruxelas, para a súa aprobación, quedasen nas mans exclusivas do Governo central, e cando todo indica que a UE fixa como condicións esenciais temas como o laboral e das pensións. Tampouco se pode obviar que parte dos fondos son subvencións e parte prestamos, e seu custe será pagado no futuro pola povoación, uns mediante novos impostos europeos e outra parte serán devoltos polos estados receptores mediante unha maior presión fiscal ou realizando recortes sociais. Ren sae gratis. No Estado español a proba do algodón sobre as condicións para recibir as “axudas” estase caneando, seguramente co obxectivo de que se vexan primeiro os efectos dos grandes investimentos en economía verde e dixitalización, que fagan menos evidentes os retrocesos noutros ámbitos, para acadar unha menor oposición das clases populares. Polo tanto cómpre estar atentos en todo o referente aos posíbeis recortes nas pensións e nas condicións laborais, nos servizos e prestacións públicas, asi como nas modificacións fiscais.

Agora ben, despois desta reflexión inicial, para recalcar a importancia do contexto e finalidade destes recursos (ou doutros obtidos do BCE ou da emisión de débeda), o fundamental é que: para modificar o proxecto de Next Generation do governo, e evitar a exclusión de Galiza da súa xestión, debemos cambiar a correlación de forzas. Ou como mínimo aproveitar este agravio ao país para que avance a conciencia e a organización nacional e social. E isto implica, ademais da oposición ao mesmo, e de contar cun programa con medidas alternativas para o Next Generation na Galiza (como o que presentou o BNG), que se socialice o problema e convertelo nun conflito social.

Todo indica que esta foi a razón de Nestor Rego, o deputado da fronte nacionalista no Congreso, para votar negativamente a a proposta do Governo central do Next Generation. Xa que entendía que tal como se presentaba: “pode ser unha oportunidade perdida -polo menos desde a perspectiva das maiorías sociais e dos pobos- en función da xestión que fagan deles e das contrapartidas que esixa a Unión europea que estean dispostos a aceptar (...) O primeiro, é definir o modelo de repartición dos fondos. O BNG cre que sería un erro ir, como todo parece indicar, a un modelo centralista de repartición. Pola contra, a fronte nacionalista defende unha repartición e unha xestión descentralizada que axilice e que ademais teña en conta as peculiaridades de cada nación ou de cada Comunidade Autónoma en aspectos clave”.

Nesta intervención do BNG, moi limitada no tempo, púñase o acento no carácter do propio fondo. Mais, resultaba evidente que formaba parte da postura a situación de dependencia da nosa nación. Unha situación que, lembremos, agravouse nas últimas décadas cunha caída da povoación relativa, dunha emigración masiva de man de obra (mesmo moi cualificada), do recuar lingüístico, da desfeita ecolóxica, da perda de diversidade produtiva e dun papel cada vez máis subalterno na cadea de valor, xa que as empresas máis dinámicas pasaron a mans de capital foráneo. Estes aspectos son esenciais para entender a cuestión nacional galega, para crear un determinado nivel de conciencia política e para mobilizar ao povo galego na conquista dunha Galiza ceibe, democrática e popular.

Unha situación que, lembremos, agravouse nas últimas décadas cunha caída da povoación relativa, dunha emigración masiva de man de obra (mesmo moi cualificada), do recuar lingüístico

Polo tanto, non se pode obviar o proxecto político en ningunha intervención, máxime cando quen  organiza o acto son forzas nacionalistas, anticoloniais e antisistemicas. Daquela que resulta incomprensíbel que na presentación por parte da fronte da súa proposta de Next Generation as intervencións carecesen dunha perspectiva estratéxica, tanto respecto do contexto político do noso país e do mundo, como do papel que lle corresponde á sociedade e ás forzas do nacionalismo galego para acadar estes obxectivos. Sendo tan importante o tema non debería ficar nun contraste de programas tan cinguidos ao conxuntural e empresarial. Daquela que resulte esencial que se explicite a folla de ruta, a política de alianzas. Trátase de gañar a través da argumentación e o debate o máximo de complicidade, mobilización e protagonismo das clases populares. Especialmente nun tema que, rexeitando as análises estrutural-funcionalistas, vincula obxectivamente o social, cultural, económico e nacional; ou sexa, está ligado ao proxecto estratéxico... Non abonda con esixirmos o dobre. Porque iso, mesmo que se concedese (e que semella utópico) non mudaría a evolución na que se sustenta a dependencia e a explotación, e ademais non axuda a construír base argumental sólida para conquistar a liberación, só é un punto de partida, como tantos outros.

https://obloguedemera.wordpress.com/