Protagoniza Tamar Novas e produce Vaca Films

Netflix ambienta un 'thriller' na Galiza rural

O xigante multinacional das teleseries aterra na Galiza. Un thriller rural baseado na novela A desorde que deixas, de Carlos Montero, será a primeira rodaxe de Netflix no país. O actor compostelán Tamar Novas é un dos protagonistas e a empresa galega Vaca Films, a produtora.
tamar novas
photo_camera O actor Tamar Novas. Foto: Netlfix.

A teleserie comezará a rodaxe o 21 de outubro e relata unha historia de “ameazas, embustes e misterios” que envolven a Raquel (Inma Cuesta), nova profesora do instituto da vila, e a súa colega Viruca (Bárbara Lennie). Tamar Novas intepreta o home de Raquel, Xermán.

A dirección do filme é de Silvia Quer e Roger Gual. Os guionistas son Javier Folgado, Andrés Seara e o propio Carlos Montero autor da novela orixinalmente escrita en castelán, lingua en que transcorrerá a teleserie.

“E ti canto vas tardar en morrer?” Así de contundente é a nota que Raquel atopa no seu bolso o primeiro día de traballo. Ela é profesora de literatura e acaba de aceptar unha suplencia no instituto da vila do seu marido. A súa ilusión por impartir aulas baterá cun alumnado que a recibe con esa macabra benvida. Axiña descubrirá quen era a profesora á que substitúe e como marcou a vida de todos.

Comentarios