Investidura

Néstor Rego: "Ningún Goberno español será nunca o noso Goberno"

O deputado do BNG no Congreso asegura que o pacto de investidura "non é un cheque en branco" aos socialistas
Néstor Rego nunha votación previa no Congreso (BNG)
photo_camera Néstor Rego nunha votación previa no Congreso (BNG)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, empregou hoxe o seu turno de intervención na primeira sesión do Pleno de investidura de Pedro Sánchez, para lembrar que Galiza foi "historicamente" maltratada polos sucesivos Gobernos estatais "e que, a pesar diso, non se resigna". E deixoulle claro a Pedro Sánchez que os seu Goberno non é o do BNG: "Ningún Goberno español será nunca o noso Goberno". 

Rego sinalou que a súa formación está no Congreso para "defender os intereses da Galiza por enriba de todas as cousas, dos máis inmediatos aos estratéxicos, da solución da crise das industrias electrointensivas á autodeterminación". 

"Nós puxemos a axenda galega sobre a mesa e traballamos nos últimos días para lograr un acordo que desbloquease a situación", trasladou o deputado nacionalista, que salientou os progresos do seu acordo co PSOE, que pasa pola transferencia da autoestrada AP-9 á Xunta, asegurar os postos de traballo na industria electrointensiva e naval, o saneamento das rías e a normalización do galego na Administración de xustiza, entre outros puntos chave como "avanzar na disposición a transferir todas os asuntos pendentes do Estatuto de Autonomía"

Rego aludiu a que os "compromisos" conseguidos por este pacto de investidura cos socialistas "non os acadou o desgoberno sumiso do PP na Galiza". O nacionalista apuntou que con esta avinza se progresa na solución de "porblemas que levan anos agardando" e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non resolveu "porque non tivo interese ou capacidade" para facelo. "Onte comprobamos que acertamos co acordo", sostivo Rego, "ao ver a reacción de rabia incontida de Feixoo", engadiu.

Así mesmo, o deputado nacionalista apuntou que este pacto "non é un cheque en branco, nin moito menos un acordo de lexislatura, só é un apoio puntual para posibilitar que haxa un novo Goberno". "Agardamos que cumpra cos compromisos dun país que leva moito tempo esperamos", engadiu Rego. 

Pedro Sánchez: "Obrigado"

Na súa quenda de réplica, o candidato Pedro Sánchez agradeceu o voto afirmativo de Rego cun "obrigado" e sinalou que o acordo alcanzado entre ambos partidos é "bo para España e para Galiza"

"Ogallá poidamos encontrarnos e reforzar esa cooperación tamén en Galiza porque eso significará que poidamos provocar un cambio na Galiza", sostivo Sánchez.

Un desexo que foi compartido por Rego na súa segunda intervención no Pleno. O deputado do BNG ratificou a "necesidade de que se produzca un cambio na Galiza" e apuntou que esa mudanza na Xunta ten que ser "non só de persoas", senón tamén "de políticas". 

Comentarios