Néstor Rego: "A xestión da crise do coronavirus foi errática e tardía"

Néstor Rego, deputado e portavoz do BNG no Congreso, decidiu ficar en Madrid e respectar o estado de alarma e as restricións de confinamento. Aínda que o nivel de actividade política é mínimo, segue a rexistrar propostas e participar nos plenos, comisións e reunións que se convocan.
Néstor Rego. (Arxina)
photo_camera Néstor Rego nunha foto de arquivo (Arxina)

Tomou a decisión de permanecer en Madrid. Como se vive alí o confinamento, xa que é o territorio máis afectado?

Cun pouco máis de preocupación no sentido de que sabes que hai máis risco (en Madrid) mais tomando todas as medidas de precaución necesarias e saír só cando é imprescindíbel.

Eu tiven que asistir neste tempo a dous plenos e dúas reunións de comisións de sanidade e a algunhas xuntas de portavoces mais sempre tomando o máximo de medidas de precaución. De momento todo ben.

Non fechar Madrid foi unha decisión errada que entendo que se tomou por razóns económicas ou políticas, mais non sanitarias

O BNG defendeu que a decisión correcta pasaba por pechar Madrid e blindar Galiza mais ningunha desas medidas foi adoptada. Considera que foi un erro?

A estas alturas é evidente que foi un erro. Valórano así mesmo publicamente moitas expertas. Se se tivera pechado Madrid habería un control moito maior e teríase evitado que a epidemia se estendese por todo o territorio do Estado español.

De forma moi evidente no caso da Galiza onde está constatado que todos os primeiros casos tiñan unha relación directa con Madrid. Polo tanto, desde o punto de vista da pandemia foi unha decisión errada que entendo que se tomou por razóns económicas ou políticas, mais non sanitarias.

Había experiencias anteriores que demostraban que era unha medida eficaz, como no caso de Wuhan na China ou mesmo agora coa capital de Finlandia, Helsinky, para salvar o resto do Estado.  

Como valora a xestión que o Goberno español está a facer desta crise?

Nós dixemos desde o primeiro momento que agora o que correspondía era colaborar para tentar atallar canto antes esta pandemia e, nese sentido, pospoñíamos calquera política de confrontación. Iso non quere dicir que esa colaboración non sexa crítica.

Centralizar non foi unha boa idea. O único que xerou foi máis burocracia e decisións que se adoptan sen o coñecemento da realidade

Entendemos que temos unha responsabilidade fundamental co pobo galego e polo tanto estivemos facendo propostas de maneira permanente.

Haberá tempo de facer unha valoración pormenorizada de cal foi a xestión da crise. Por non entrar demasiado neste contexto, fica en evidencia que en moitos casos foi errática e tardía. Un exemplo é que levamos tres semanas facendo a proposta de que se paralicen todas as actividades non esenciais. No pleno da semana pasada os partidos do Goberno votaron en contra. Días despois tiveron que adoptar esa medida por ser evidente que era necesaria.  

Como está ser a actividade no Congreso estes días de confinamento?

A actividade está ao mínimo. De facto, quitando eses dous plenos que eran obrigados pola propia exixencia de validar decretos e prorrogar o estado de alarma o único que se reúne é a comisión de sanidade semanalmente. Con todo, nós continuamos mantendo actividade.

Temos feito e rexistrado propostas ao longo deste tempo. Aínda onte [quinta feira]  fixemos unha proposta para que se paralizase a actividade marisqueira, unha petición do sector. Aproveitamos todas estas reunións para lanzar todas estas propostas que entendemos que son necesarias. Non buscamos unha política de confrontación.

No pleno do 25 de marzo non votamos a favor dos decretos económicos por entender que non se están tomando as medidas necesarias e en boa medida (as que se toman) son inxustas dado que non protexen os sectores vulnerábeis, as traballadoras e traballadores, nin van na dirección de que as medidas non as paguen outra vez as clases populares.

Feixoo adiou as eleccións mais non a campaña do PP

Eu reiteraba a proposta de que hai que rescatar os 60.000 millóns de euros do rescate bancaria aínda non recuperados, hai que poñer un imposto ás grandes fortunas e ás grandes empresas, hai que nacionalizar ás grandes corporacións dos sectores estratéxicos que xa foron públicas e que nunca deberon ser privatizadas.  

A decisión de centralizar competencias e fixar un mando único foi prexudicial?

Nós estamos convencidos de que foi unha decisión errónea. Non xa por razóns políticas, mesmo por razóns prácticas da eficacia do operativo de contención do coronavirus.

É evidente de que cada país, no noso caso Galiza, ten unhas características especificas que exixen medidas específicas. Non foi unha boa idea retirar as competencias a quen ten que operar sobre o terreo e ten un maior coñecemento dos mecanismos dos que dispón. Sexa quen for, a pesar de que quen goberna na Galiza é Feixóo que recortou e privatizou a sanidade pública.

Centralizar non foi unha boa idea. O único que xerou foi máis burocracia e decisións que se adoptan sen o coñecemento da realidade. Salientar que o Ministerio de Sanidade non realiza xestión sanitaria directa, só ten ao seu cargo dous hospitais públicos. Esa burocracia quedou moi en evidencia, por exemplo, na cuestión da compra e distribución de subministracións imprescindíbeis, tanto de protección como de carácter médico.

Serviulle como pretexto magnífico a Feixoo par tentar enmascarar a propia incompetencia. Permanentemente trasladando a responsabilidade ao Goberno español co argumento que el non ten as competencias. Quen goberna e ten ao seu cargo a saúde e a vida das galegas e galegos non pode nunca buscar pretextos, ten que tomar a iniciativa. Feixoo adiou as eleccións mais non a campaña do PP. Desde o BNG lamentamos que empregue unha situación de emerxencia para se beneficiar politicamente.   

Comentarios