Opinión

Neno cun pau

Levaba un pau na man o neno que vin un destes domingos no portal da súa casa. Concretamente, tratábase dunha vara longa, máis longa ca el e ca min. Facía espaventos con ela a modo de catana e emitía sons que me pareceron divertidos por estraños. Sorprendeume a súa habilidade infantil para que en ningún momento tocase con ela o chan nin o automóbil que tiña a uns palmos. Fitoume con coidado, sen deixar de facer acrobacias. Baixou o ritmo cando pasei ao seu carón e xuraría intuír a condescendencia nos seus ollos. Ese xeito de ver que ten quen sabe que che perdoa a vida. Sabíase poderoso porque o era. Seguín camiñando e pouco tardaron en escoitarse os gritos que advertían de todas as desgrazas que lle acontecerían á criatura no caso de que o pau dese contra o coche. A que me gustou máis, sen dúbida, foi: como lle deas ao coche, ardes!

Durante todo o traxecto de domingo a pé por unha zona tranquila, chea de casas, de leiras, de árbores e con dous colexios nun breve espazo, só vin un neno xogando no camiño, cun pau e contra as leis da física. Onde estarían os outros rapaces ese día? Por que estarían sós el e mais o gato? Non terá amigos? Non quererá ninguén xogar con el? Non quererá el estar con ninguén? Onde xogan os nenos que xogan? A que o fan? Cando o fan? Canto tempo teñen para facelo?

Metros máis tarde atopo unha cafetería preto dun parque. No parque hai nenos, tampouco moitos pero na súa maioría son de fóra. Veñen da cidade a pasar un día tranquilo nunha aldea de costa máis ou menos concorrida. O pequeno do pau non está lonxe pero tápano as casas así que entre eles non se ven. Na cafetería hai un parque de bólas que é, para quen nunca vira un –algo bastante difícil–, un cubículo reducido de plástico multicolor cheo de bólas tamén de plástico de moitas cores, redes, colchonetas… sei que os hai enormes e incluso negocios que consisten niso: nun parque de bólas. Do que eu falo, non. É pequeniño, abafante para min que o vexo desde fóra, rectangular, tan cheo de cousas que non consigo distinguilas; e nenos, moitos nenos dun lado para o outro gritando con bólas na man, descalzos, choutando cara a arriba, cara a abaixo, tobogán, golpe contra a cristaleira, choros, a rede que atrapa un pé, o pé que cae sobre a cabeza dun que pasaba e apaña un golpe, outro que loita por saír de alí, gritos outra vez, risas, gritos, gritos, gritos!!!!! E un pai que di: hay que traerlos aquí a desbravar.

Nese intre quedo tranquila. Penso no pin parental. Atopei o sentido a todo canto estaba a ver: un día solleiro, un parque, unha praia, un paseo e nenos metidos no curro de plástico de cores porque é alí onde desbravan, onde se torna manso e dócil un animal salvaxe ou bravo. Non puiden dicir nada porque non era a miña conversa e porque xa sabedes que, quen non temos fillos, non podemos opinar. Non sabemos o que é e qué saberemos nós de case nada aínda que o suframos en primeira persoa, aínda que eses pequenos nos preocupen, aínda que a nosa visión periférica –precisamente por selo–, podería derivar en conclusións interesantes. Non podemos opinar, non debemos máis ben! E vanse pechando posibilidades de entendemento e diálogo que tampouco ían mudar o mundo, pero igual, en pequenas doses, acaban por xerar unha rutina de escoita activa. Toda actividade que non se considere produtiva ou rendible en termos económicos queda automaticamente eliminada ou minguada na súa execución. Non temos tempo para nada que non estea programado, é dicir, as nosas vidas non teñen lugar para a improvisación. E non o teñen porque non somos libres. Algunha vez xogamos a parecelo porque con iso xa nos chega. Que o pareza. Non nos queremos sentir deslindados de todo canto nos aperta, dos sinais que nos lembran por onde temos que ir, cal é o noso lugar en cada momento, a nosa función. A seguridade que nos dá o cotián é alentadora. Estamos cansos, extenuados. Só nos faltaba sentir máis inseguridade e desprotección da habitual.

Pero que facemos co neno que xoga co pau? E cos nenos que non xogan con el? Eles teñen dereito á improvisación, á diversión, a interactuar coa natureza, a aburrirse, a experimentar, a orientarse no medio da dúbida, a compartir con iguais, a inventar xogos, a darlle outra vida aos contos, a contar.

Oxalá puidese atopar todos os domingos o neno do pau. Facerme a súa amiga e aprender os seus sons. Tan imaxinativos. Tan libres.

Comentarios