Opinión

As nenas sen medo

O último 8 de marzo, mentres as mulleres de todo o mundo se moveron polos dereitos que faltan, polos dereitos que retroceden, ocorrían dúas cousas significativas a ben pouca distancia –física- unha da outra. No Fogar Seguro Virxe da Asunción en Guatemala, que supostamente brinda protección a nenos, nenas e adolescentes vítimas de violencia física, emocional, sexual, en situación de pobreza extrema, foron queimadas vivas corenta rapazas. Por outra banda, no poderoso Wall Street, a escultora uruguaia Kristen Visbal, co apoio financeiro da State Street Global Advisor, plantaba na rúa, desafiando o mítico touro, a peza que xente deu en chamar A nena sen medo.

Tentar estabelecer comparacións é dar coa cabeza contra un muro, non o farei, porque detrás das dúas cousas, aínda que non o pareza, penso eu, está o patriarcado.

As nenas de Guatemala non tiñan nada a ver coa lendaria María García Granados y Saborío, filla dun expresidente e homenaxeada por Martí no coñecido poema logo de ser a súa vítima afectiva, na mocidade do poeta. Lembremos que a súa dona Carmen fuxiu del cos fillos, baixo o amparo da embaixada española en Nova York. Hai que dicir, e lamento que a alguén lle moleste, mais os heroes afectivamente ananos son tamén patriarcas, que A Nena de Guatemala non morreu de amor, senón dunha enfermidade respiratoria conxénita (mal que lle pesara ao heroe-poeta). E a súa dona Carmen foi maltratada pola historia por poñer trabas ao periplo do liberador. 

As nenas de Guatemala veñen sendo salvaxemente torturadas, tratadas, asasinadas por un estado xenocida que xa exterminara grandemente o pobo indíxena. Hai moitas desoídas denuncias. As nenas de Guatemala non tiveron, no seu inaceptábel martirio, a repercusión mediática dos normalistas asasinados en México, que tan xusto rexeitamento nos causara. Estas, ademais de parias, eran mulleres.

As nenas de Guatemala non tiveron, no seu inaceptábel martirio, a repercusión mediática dos normalistas asasinados en México (...) Estas, ademais de parias, eran mulleres

O touro de Wall Street, antecesor de A nena sen medo, cómpre dicilo, debeuse ao traballo e ao esforzo do escultor Arturo di Modica, que gastou até o último dólar en facelo e trasladalo para deixar unha mensaxe máis que clara sobre o poder económico que move o mundo. A nena, obra dunha escultura que non é unha activista, que traballou pola encarga dunha gran compañía que di quere igualar as oportunidades entre homes e mulleres, plántalle cara ao touro amosando ao planeta que as nenas non teñen medo. Como era previsíbel, acadou enseguida o apoio de moita xente que desexa de corazón ver que as nenas non temen e teñen unha vida xusta. A min, que non me gusta a obra desta escultura, encántame esa nena valente. E a quen non?

A xente xuntou milleiros de sinaturas para que a nena quede alí. Quedará, polo de agora, até o próximo 8 de marzo. As nenas de Guatemala xa non están, e ben poucas voces reclaman por elas.

Viviran unha moi curta e miserábel vida. De fogares pobres, maltratadas dende  pequenas, torturadas por un estado que as despreza, tocoulles coñecer a peor cara do capitalismo planetario: apiñadas, malcomendo, soportando toda clase de arbitrariedades e asoballamentos. A súa morte –asasinato- tamén foi obxecto de mentiras e difamacións. Botóuselles a culpa da súa propia morte, da súa propia vida, dunha existencia invisíbel e tráxica. Viñan sendo explotadas sexualmente (entre as sobreviventes hai nove nenas embrazadas que non chegaron preñadas a ese terrorífico sitio; seica tamén entre as mortas), mais ninguén cre que teña que dar explicacións. 

Tocoulles coñecer a peor cara do capitalismo planetario: apiñadas, malcomendo, soportando toda clase de arbitrariedades e asoballamentos

O tráxico día, as nenas botaron lume aos colchóns, unha maneira universal dentro dos centros de encerro, unha maneira de tentar avisar sobre o que alí pasaba, unha esperanza de que alguén as oíse. Os que as tiñan que protexer, educar, puxeron cadeas ás portas e as xanelas. Pode imaxinarse unha inhumanidade maior?

Nenas arrepiadas, mais valentes. Vítimas dun estado racista, misóxino, criminal que ten que ser sinalado por todos os dedos xustos deste mundo. Que as nenas de Guatemala, de ningures, non teñan nunca máis medo.

Comentarios