No seu número cuarenta e seis, de doce de marzo de 1934, apareceu publicada unha versión para italiano da Cántiga de Curros traducida por Guido Batelli e que fora previamente publicada no número cento e dezanove, novembro de 1933, da revista Nós.
Non nos consta que, alén de Nós e Faro Villalbés, o poema de Curros fose publicado noutros xornais. Tampouco sabemos as motivacións de Faro Villalbés para publicar a versión en italiano pois non hai ningunha aclaración da razón desa tradución.
Guido Battelli naceu en Sarzana, na rexión de Xénova, en 1869. En abril de 1930 é contratado para impartir docencia da disciplina de Historia da Literatura Italiana na Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra. Axiña entra en contacto con Florbela Espanca, tornándose responsábel pola tradución para italiano de grande parte da obra da poeta. Tamén aquí lle chegou o interese polo galego.
Batelli deu a coñecer en Italia diversos autores galegos, especialmente a través de dous xornais: Stampa de Turín e Il Corriere de la Sera de Milán. Os críticos das súas versións afirman que era un bon tradutor mais un mal poeta, polo que os textos traducidos estaban lonxe da forza expresiva dos orixinais.