A FONDO

Neira Vilas, para sempre na memoria do pobo galego

Este A Fondo, coordinado pola escritora Marga do Val, pretende ser unha homenaxe ao poeta de Gres que levou sempre Galiza prendida na súa fala. Entre as máis de 15 persoas que escriben para o caderno destaca a presenza de alumnos e alumnas de centros de ensino galegos. Xa está dispoñíbel na nosa loxa.

 

AF dentro

“O escritor de Gres, situou a súa parroquia no mapa dos afectos de todos, de todas nós. Desde Gres a Bos Aires, desde a Habana e Cuba enteira a Gres, levou sempre Galiza prendida na súa fala. Nunca claudicou. Sempre co pobo, sempre alimentando o desexo por aprendermos, o desexo e o amor pola lectura. Fixo da súa escrita a vida; de todas e todos nós, de Galiza e o mundo, o argumento. Todos os nenos e todas as nenas que viven en Nós reciben este legado”, sinala Marga do Val, coordinadora do A Fondo sobre Neira Vilas.

Ao longo de catro páxinas, un total de 16 persoas, procedentes na súa meirande parte do ámbito do ensino, dan conta das súas experiencias con Neira Vilas. Son autores e autoras destas pezas José Expósito, xestor xultural en Pistacatro. Novo Circo en Galiza; Mar Álvarez, alumna de 1º de bacharelato no IES Ponte Pedriñas; Maka Arca, profesora de Lingua e Literatura Españolas no IES 1º de Ordes; Xesús Asorey, apicultor e director da Casa das Abellas de Abegondo; Manuel de Cal Vidal, estudante de 4º de Primaria do CEIP López Ferreiro de Compostela; Xosé Luna, escritor e mestre no colexio O Foxo da Estrada; Pili Gorís, osteópata; Uxía Rodríguez Nebra, estudante de 2º ESO no IES Antón Losada Diéguez da A Estrada e Fernando Fernández González, comercial da Editorial Galaxia. Tamén escriben Iria Vázquez Rodríguez, estudante de 1º de Dereito na ESADE, Barcelona; Manuel Diz Pereiro, tradutor; Paché Vázquez Sanmartín, profesora de lingua e literatura galegas no I.E.S As Ínsuas de Muros; Ramón Daniel Regueiro Espiño, estudante de 16 anos; Mariña Palacio Fernández, estudante de 16 anos; Xosé Febrero, avogado e Santiago Insua González, alumno de 4º de Primaria do colexio Antonio Magariños de Cambados.

Ademais, componen este A Fondo dúas entrevistas. Na primeira delas, a dupla páxina, transcríbese unha conversa entre Marga do Val e Viviane Delfine Furtado, unha alumna do IES Perdouro de Burela que coñeceu Neira Vilas en marzo deste ano, cando visitou a Fundación acompañada dos seus compañeiros e compañeiras. Nesta entrevista, a moza orixinaria de Cabo Verde dá conta da encomenda que lle deixou Neira Vilas, a tradución de Memorias dun neno labrego a unha lingua africana.

A outra entrevista que fecha este A Fondo é a María Xesús Neira Yagüe, bibliotecaria da Fundación Neira Vilas e sobriña do escritor recentemente falecido.

Máis en Só en papel
Comentarios