'Negocios de familia': A documentación das operacións dos Méndez durante a fusión das caixas

Os papeis remitidos á CIG desvelan tres operacións nas que a muller de José Luis Méndez adquiriu inmobles de Caixa Galicia en Composterla e A Coruña un 20% por baixo do valor fixado pola propia entidade. O sindicato entregou esta sexta os papeis á Fiscalía.

Caixa

Rosa Pascual, muller do ex-director de Caixa Galicia e nai dun conselleiro delegado da Corporación CG, adquiriu en tres operacións desenvolvidas entre decembro de 2009 e novembro de 2010 catro vivendas, un local e sete garaxes en Compostela e A Coruña polas que pagou uns 1.500 mil euros. Unha cantidade case 300.000 euros por baixo do prezo de taxación que a propia Caixa Galicia estabelecera para eses inmobles, 1.800.0000 euros. Un 17% máis barata.

A documentación, á cal tivo acceso Sermos Galiza, recolle como en febreiro de 2009 escritúrase ante notario a separación de bens entre José Luis Méndez e Rosa Pascual. Antes de finalizar o ano a muller do entón director xeral de CG adquiría en Compostela (na zona de Galeras, a pé da zona vella e a escasos minutos da Praza de Obradoiro) 2 vivendas e un garaxe, polos que pagou 434.000 euros, 40.000 por baixo do valor taxado.

Hai preguntas sobre a procedencia dos cartos destas operacións, se estivo acreditada documentalmente a súa procedencia, un trámite imprescindíbel nestas cantidades 

Nos papeis despréndese que a seguinte operación foi sete meses despois, en xuño de 2010. Rosa Pascual comprou 1 piso, 1 ático e 3 garaxes na Coruña (Ronda de Montealto) por 531.000 euros, cando o prezo polo que Caixa Galicia taxou estes seus inmobles era de 663.000 euros.

“Seguíanse a vender preferentes mentres eles compraban estes inmobles”

E, por último, e apenas 2 días antes de asinarse a fusión entre Caixa Galicia e Caixa Nova, a muller do director xeral de CG comprou por 563.000 euros 1 vivenda, 1 local e 3 prazas de garaxe, tamén na Coruña, por 563.000 euros, cando o seu valor taxado era de 677.000.

Os papeis que recibiu a CIG, e que esta sexta feira enviou á Fiscalía de Galiza, e que presentou aos grupos parlamentares para instar a reabrir a Comisión de Investigación das Caixas, constan de 156 folios. Hai documentos notariais, de bens, transacións... Fontes do sindicato afirman que o grave de todo isto é que a ponte do mando de Caixa Galicia sabía cal era a situación da entidade naquel tempo de fusión, e seguía a vender preferents e subordinadas “mentres eles tentaban facerse co que podían, ben mediante xubilacións millonarias ou pasando bens e inmobles os seus familiares”.

Procedencia dos cartos?

O salario de José Luis Méndez á fronte de CG rondaba os 2,5 millóns de euros anuais. E intentou blindarse unha xubilación por 17 millóns. “Mais seguían a emitir preferentes e subordinadas”.

Hai unha pregunta aberta e que se plantexa desde diversos sectores: neste tipo de operacións de compra de inmobles manéxanse importantes cantidades de diñeiro. Uns cartos dos que é trámite imprescindíbel acreditar documentalmente a súa procedencia. Cumpriuse este requisito no caso de Rosa Pascual? “Iso teno que saber o consello de administración daquela, que foi o que deu o visto bo a todo”, indican as fontes sindicais.

Comentarios