Negociación da PAC: a Fruga acusa o Goberno galego de seguidismo dos "ditados" do PP español

A Federación Rural Galega entende que "as consecuencias da reforma da PAC na Galiza" vanse ver agravadas "polas decisións tomadas polo Estado español".

Fruga
photo_camera Un momento da conferencia de imprensa

A Fruga valorou esta quinta feira, en conferencia de imprensa decorrida en Lugo, a forma en que o Goberno español irá aplicar a Política Agraria Común no Estado, após se reunir cos representantes das comunidades autónomas, Galiza entre elas.

De acordo coa organización nacionalista, os criterios que rexerán a repartición de fondos están feitos á medida dos intereses das "grandes empresas e terratenentes" españois, moitos dos cales non "teñen nada que ver coa actividade agraria".

Fruga critica duramente a Xunta de Galiza por non ter defendido os intereses galegos e por terse "pregado" aos ditados do PP "que veñen desde Madrid.

As críticas da federación nacionalista teñen dous chanzos. Primeiro, as decisións que se adoptaron nas instancias comunitarias e que Fruga xa avaliou como prexudiciais, entre elas a renuncia a adopción de medidas de regulación dos mercados ou a definición "excesivamente permisiva" da condición de agricultor a título profesional (ATP), precisamente o título que permite ser receptor das axudas.

Exclusión "do viño e da horta"

O segundo patamar das críticas ten como destinatario ao Goberno español, cuxas decisións a respeito da forma concreta en que a PAC se vai aplicar no Estado "non atenden en ningún caso aos intereses do noso País". Así, Fruga alude á resolución de non chegar ao máximo permitido do 15% do total do orzamento para dedicar aos pagamentos ligados á produción -"finalmente será dun dun 12%"- ou tamén a determinación de "de non favorecer as primeiras 30 hectáreas e de non ter en conta nin o tamaño das explotacións nin os postos de traballo xerados". Destarte, os/as labregos/as
galegos/as irán receber "importes substancialmente inferiores" aos que en xustiza lles debería corresponder.

As axudas irán na súa maior parte a empresas grandes e a latifundistas non necesariamente ligados á actividade agraria

A Fruga critica tamén a "exclusión" de sectores estratéxicos para Galiza como "o viño e a horta" e o feito de o Estado reducir a súa participación no financiamento das axudas de desenvolvemento rural. A este último respeito, subliña a organización nacionalista que o Estado até o de agora viña achegando o 50% dos subsidios, por encuanto agora irá pór só o 30%. E o 20% restante? En teoría terá que ser asumido pola Xunta de Galiza, mais a Fruga ten dúbidas de que finalmente vaia ser así porque, argumenta, o Goberno galego non ten ofrecido ningunha garantía de que estea disposto a facelo.

En consecuencia, a Fruga enfatiza que "Galiza non pode renunciar a ter unha política agraria", ao tempo que a Xunta debería "defender unha posición clara e valente perante as agresións do
goberno español para mellor defender os nosos sectores produtivos agrarios".

Comentarios