Imprimir

O ‘negacionismo’ volve chamar a mobilizarse en Compostela, desta vez fronte ao Parlamento

Nós Diario | 22 de febreiro de 2021

A marcha concluíu na Praza do Obradoiro (Foto: Arxina).
A marcha concluíu na Praza do Obradoiro (Foto: Arxina).

O acto está convocado por colectivos como ‘Policías por la Libertad’ ou 'La Reconquista’.

Após a marcha en Compostela deste sábado, na que ‘negacionistas’ e ultras procedentes de diferentes partes do Estado español se manifestaron, moitos deles sen máscaras nin distanciamento social, e sen ser albo de multas ou sancións por iso; esta terza feira volven á  carga.

Colectivos como ‘Policías por la Libertad’ Plataforma 6-F ou ‘La Reconquista’ convocan unha concentración ás portas do Parlamento da Galiza para esta terza feira, 23-F, de novo contra a Lei de Saúde da Xunta. “No a la ley Auschwitz’ é o lema, repetindo unha das palabras de orde da marcha do sábado.

“Deputados sodes cómplices de xenocidio”, repróchase no cartaz da convocatoria, que xa está a partillarse nas redes sociais.

O obxectivo da protesta é a Lei de Saúde que se debate no Parlamento da Galiza, impulsada polo PP. Afirman que esta lei vai obrigar á vacinación obrigatoria e implicará un “sometemento” a “máis corentenas, toques de recoller...”.

Mesmo, en certos anuncios animando a asistir a esta mobilización, afírmase que esta lei vai permitir “detencións de civís en centros de illamento, que xa se están a construír a tal efecto”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/negacionismo-volve-convocar-mobilizarse-compostela-desta-vez-fronte-ao-parlamento/20210222113441116311.html


© 2021 Nós Diario