"Necesitamos propostas a prol da lingua que transcendan o local e impulsen o uso do galego"

Un ano despois da súa constitución, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua comeza a definir as liñas de traballo que vai desenvolver ao longo de 2020 co fin de ampliar o catálogo de recursos co que poderán contar, de momento os 17 concellos asociados á plataforma.
Asociación_de_Entidades_Locais_pola_Lingua
photo_camera Foto de familia da Asociación de Entidades Locais pola Lingua (Concello de Santiago).

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua naceu en febreiro de 2019 alentada por 15 concellos que xa viñan colaborando na defensa e posta en marcha de distintos proxectos relacionados coa lingua e coa cultura galegas. Santiago de Compostela, A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía e Rois foron os pioneiros.

 Acordaron constituír un espazo unitario e colaborativo "desde o que impulsar o uso da lingua en todos os ámbitos da Administración local", explica a Nós Diario Arximiro Fernández Cabanelas, técnico de Normalización Lingüística do Grove. En novembro uníronse os municipios de Redondela e Betanzos como novos socios. "Agora, ademais de convidarmos a outros moitos municipios a sumarse a esta plataforma", apunta o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, encargado de presidir a asociación nesta primeira fase, "agradecemos o interese da Deputación de Pontevedra, con quen nos acabamos de reunir, e o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde presentamos a iniciativa a finais de 2019".

As entidades locais interesadas en sumar sinerxías, tan só teñen que contar cun servizo de lingua ou normalización e pagar unha cota en función da súa poboación. A cambio, terán a oportunidade de contribuír á creación de proxectos "máis ambiciosos" comprometidos coa promoción da lingua.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios