Navantia e industria auxiliar acumulan máis de 200 casos de coronavirus na Ría de Ferrol, segundo a CXT

O sindicato avisa dun "salto cuantitativo" de infectados e denuncia que a compañía "presiona" a traballadores para que abandonen o teletraballo
Estaleiros de Navantia en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Os estaleiros de Navantia en Ferrol.(Nós Diario)

A sección sindical da Confederación Xeral do Traballo (CXT) en Navantia Ferrol denunciou un "salto cuantitativo en canto ao número de traballadores afectados por coronavirus" nos estaleiros públicos da ría de Ferrol, tanto na empresa principal como na industria auxiliar, con máis de 200 casos acumulados desde o inicio da pandemia.

O portavoz deste sindicato, Xaquín García Sinde, detallou que "mesmo o pasado 30 de outubro detectouse o primeiro surto no estaleiro de Ferrol, afectado catro bombeiros da principal". García Sinde informou de que entre o 6 de outubro e o 6 de novembro, "o total de casos acumulados pasou de 121 a 213, un incremento dun 76% nun só mes".

Así o apuntou o dirixente sindical nunha comparecencia ante medios de comunicación na mañá de hoxe, 10 de novembro, na entrada principal da empresa, onde estivo acompañado doutros delegados e traballadores que protagonizaron unha pequena concentración. 

Ante estes incrementos, o representante sindical informou que "tanto Navantia como a industria auxiliar non están a facer o que hai que facer".

Deste modo, CXT reclama a posta en marcha de "sistemas de ventilación", pois "non se tomou ningunha medida e perdéronse todos estes meses para acondicionar oficinas, vestiarios e mesmo tamén hai locais pechados e é necesario establecer un sistema de renovación". 

En canto ao teletraballo, Xaquín García acusou a Navantia de "presionar aos traballadores que estaban con este sistema para que regresasen ao traballo presencial".

Comentarios