O naval ferrolán volve saír a rúa en demanda de carga de traballo

A CIG alerta de que a falta de investimentos nos estaleiros condiciona o futuro do sector naval na ría de Ferrol.
Protesta dos traballadores e das traballadoras do naval ante o Concello de Ferrol (Foto: CIG).
photo_camera Protesta dos traballadores e das traballadoras do naval ante o Concello de Ferrol (Foto: CIG).

Traballadores e traballadoras do naval ferrolán marcharon hoxe desde o estaleiro até a praza de Armas de Ferrol, onde realizaron unha concentración, para demandar carga de traballo e os investimentos necesarios para pór o sector no século XXI. 

O responsábel da sección sindical da CIG-Navantia Ferrol, Marcelino Amado, afirmou que é o momento de incrementar a presión para esixir investimentos e carga de traballo "que é o que máis nos urxe, pois temos por diante un ano e medio sen obra nova, xa que os traballos das fragatas non está previsto que comecen até mediados de 2022". Aínda que xa hai unha importante destrución de emprego nas auxiliares, esta será aínda máis acusada na primavera do próximo ano, cando marche o segundo buque da mariña australiana, advertiu.

Só con presión, di, poderán conseguir que o Goberno español consigne os investimentos necesarios para actualizar e ampliar as instalacións de Navantia na ría de Ferrol "porque isto é o que o nos vai permitir ter carga de traballo no futuro, competir nos mercados e acceder a novos negocios", explicou. 

Mais a realidade non fala tanto de apoios como de boicots. Segundo Amado, a dirección de Navantia ten abandonadas actividades tan relevantes como Carenas, que a CIG sempre defendeu como esencial para o estaleiro. "Para fomentar esta actividade precisamos do novo dique", salienta Amado, lembrando que malia estar no proxecto estratéxico a construción desta obra, estase demorando de maneira interesada.

"Mentres nos demais países os diques están cheos, nós témolos baleiros. As infraestruturas de Carenas quedan obsoletas, non se aproveitan tampouco as sinerxías coa planta de gas e incluso se minusvalora e torpedea o desenvolvemento de Turbinas", lamentou.

Tamén denunciou o abandono do estaleiro de Fene, dedicado en exclusiva á eólica mariña. Non hai aposta no I+D+I nin por actividades de valor engadido, senón que Navantia aluga as instalacións a Widnar "co risco de que este sexa o seu destino final e quede nada máis que para funcionar como almacén".

Por todo isto, o naval ferrolán non desbota confluír con outros sectores nunha gran mobilización comarcal tendo en conta a grave crise que atravesa Ferrolterra a todos os niveis.

Comentarios