Naturgy prescinde do servizo de atención en galego e deixa no ar 300 postos de traballo

O comité de empresa denuncia que desde mediados de novembro o maior volume de chamadas atenderase desde Colombia.

comite unitono europa press
photo_camera Europa Press.

O comité de empresa de Unitono denunciou que a partir do 15 de novembro farase efectivo o cesamento do servizo de atención ao cliente de Naturgy (Gas Natural Fenosa) en galego desde Ourense, co conseguinte perigo para os 130 empregados e empregadas. Outras 150 traballadoras afectadas na Coruña.

Así o explicou a presidenta do comité de empresa, Miriam Varela, durante a rolda de prensa para anunciar a recolocación en Reus (Tarragona) e, na súa maior parte, en Colombia do servizo que se prestaba desde hai 10 anos en Ourense .

O comité de empresa teme polos efectos no cadro de persoal, xa que Naturgy é o seu principal cliente e que "Unitono só presta outros pequenos servizos a outras empresas que non son suficientes para cubrir o horario laboral dos seus traballadores e traballadoras".

Neste momento, segundo explicaron, non saben se serán trasladados ou despedidos e non puideron manter contacto coa nova directiva despois de que Unitono, pertencente ao grupo Avanza, foi vendida o pasado 31 de outubro a GSS. 70% do persoal de Unitono está formado por mulleres cunha idade media de 45 anos que as sitúa, nas súas propias palabras, nunha "situación moi crítica" para poder volver traballar. Así mesmo, o comité mostrouse preocupado pola  “transferencia a Colombia de datos importantes que afectan principalmente a clientes vulnerábeis”.

O persoal afectado apuntou tres culpábeis: "Primeiro, Naturgy, seguido de Unitono que negou durante meses ter coñecemento do proceso de recolocación". Tamén sinalan que a administración é responsábel da falta de lexislación para evitar este tipo de situacións.

Ademais, o comité de empresa ve como principais razóns que levaron a esta situación "a baixada dos salarios e ao compoñente político que leva a Naturgy a querer desconectar de Galiza".

Miriam Varela pediu a implicación de toda a sociedade porque "dado que Naturgy explota os recursos galegos e, polo tanto, contamina Galiza, debería esixir que desde aquí se preste todo o traballo auxiliar".

O comité de empresa convocou para o vindeiro día 14 de novembro, de 11.00 a 13.00 horas, unha concentración ás portas da tenda Naturgy situada na rúa Celso Emilio Ferreiro (Ourense).

A Mesa solidarízase cos e coas traballadoras e anima a participar na concentración que terá lugar o 14 de novembro. A Mesa pola Normalización denunciou reiteradamente a situación que se produce pola falta de garantías que permitan o uso do galego nas relacións económicas, ofrecendo alternativas legais que amparasen os dereitos lingüísticos e laborais como a Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, rexeitada en 2016 polo Partido Popular no Parlamento tras xuntar os apoios de arredor de 30.000 galegas e galegos.

Comentarios