Nao, Zoo e Sociedad Alkoholika na terceira edición da Candeloria

O festival lugués consolídase como referente da xeira de inverno.

A Candeloria 2016

A Candeloria xa ten data e cartaz. Será os días 19 e 20 de febreiro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Bandas como Nao, Narco, Zoo, Aspencat ou Sociedad Alkoholica compoñen o cartaz da terceira edición consolidando o festival como o principal da xeira de inverno. 

Após congregar milleiros de persoas o pasado ano a organización comezou a vender anticipadas as entradas con prezos especiais e tamén disponibiliza através do seu portal web un amplo abano de información de interese na que se inclúe rotas de desprazamento e posibilidades de aloxamento na cidade de Lugo para aquelas persoas que non desexen acampar no propio Pazo. 

A presenza de grupos de ampla traxectoria como S.A e Narco, mestúrase con algunhas das principais bandas actuais. Eis o caso de Aspencat e Zoo, ambas as dúas procedentes dos Països Catalans. 

Aliás, a terceira edición da Candeloria conta cun número importante de grupos nacionais como NAO que presentará no festival o seu próximo traballo, Soñar. Un fito que marcará o inicio de Apocalipse, a despedida desta banda que leva desde 2005 facendo rock en galego desde A Estrada. 

Xunto a eles, estarán Ataque Escampe, Habelas Hainas, Os Diplomáticos, Familia Camagno, Zënzar e os irreverentes Poetarras que comezan a se facer un oco no panorama musical galego após o seu éxito, Feijóo. 
 

Comentarios