Nao publica ‘Adeus e grazas’, o DVD do seu concerto de despedida e con matrial inédito da banda

Sairá o vindeiro 7 de decembro. Ademais do concerto inclúe un segundo disco, ‘Apocalipse Nao’, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.

Jasper e Sabela - NAO en Amio @ Salva Moreira
photo_camera Jasper e Sabela, nun momento da actuación de despedida en Compostela (Foto: Salva Moreira)

O 7 de decembro publícase ‘Adeus e grazas’, o DVD que recolle o concerto de despedida dos Nao ao se facer un ano desta actuación coa que a banda puña o ramo a máis dunha década de vida.  O DVD, editado da man da promotora PlayPlan Cultural, inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse Nao, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.

Nao quer celebrar así o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea, un DVD que recolle na íntegra o derradeiro directo do grupo, celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto ferial de Amio, en Compostela.

O concerto, concebido como “unha gran festa” e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino.

Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse Nao, que recompila tres pezas documentais  (I, II e III) recollidas ao longo dos seus case quince anos de traxectoria.

A última da triloxía, nomeada Apolicalipse Nao I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste DVD.

No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de Nao e do que significou a súa música para eles.

O dobre DVD publicado por Nao e PlayPlan poderase adquirir desde o día 7 a través da páxina web www.inquedanzas.com por 19,90€ (gastos de envío non incluídos) e, a partir do 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras.

Comentarios