Imprimir

Nais do alumnado do colexio La Salle denuncian a postura negacionista fronte á Covid-19 dunha profesora

Redacción | 22 de febreiro de 2021

Manifestación do pasado sábado en Compostela. (Foto: César Arxina)
Manifestación do pasado sábado en Compostela. (Foto: César Arxina)
A ANPA presentará, no seu nome, queixas ante as inspeccións de Educación e Sanidade, pois existe unha preocupación. A docente non volverá a impartir clases até que entregue unha proba PCR con resultado negativo, mais a dirección da escola vincula a participación da traballadora na manifestación do sábado á súa "liberdade de opinión".

Un grupo de pais e nais do colexio La Salle, un centro concertado e relixioso de Compostela, anunciaron hoxe que van presentar unha queixa a respecto dunha docente que traballa na instalación e que viu apoiando as teorías negacionistas da Covid-19. As e os proxenitores queren trasladar aos servizos de inspección educativa a súa preocupación pola influenza que poida ter nas crianzas.

O debate xurde a raíz de ter detectado á docente nas imaxes que se distribuíron nos medios da protesta dos antivacinas e negacionistas este sábado na cidade. Á cabeza da marcha -organizada por entidades como Policías pola liberdade- estaba a profesora, que xa fora sancionada con anterioridade por acudir á escola sen máscara saltando así o protocolo contra o virus.

A presidenta da ANPA, Montse Trillo, comentou a Europa Press que a asociación recibiu tan só dous días despois do sucedido entre “25 e 30” correos electrónicos de nais “preocupadas por este comportamento” da profesora do La Salle.

Polo tanto, vai ser a organización a que remita unha misiva á inspección, quer educativa, quer de sanidade, para explicar o sucedido.

Sempre segundo as afirmacións da ANPA a Europa Press, a dirección do colexio xa explicou á docente as queixas que recaen sobre ela. Esta decidiu, supostamente, “que non volvería impartir aulas até que presentara unha PCR con resultado negativo”.

O centro di estar “atado de pés e mans” e facer “o que legalmente” é posíbel, mais non ten previsto solicitar o cesamento.

O director da infraestrutura académica, Jesús Martín, deixou a postura da afectada no ámbito da súa “liberdade de opinión”, pero puxo como condición que manteña as ideas fóra do espazo educativo. Porén, confesa comprender “o nerviosismo” e a “preocupación” das nais e pais.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/nais-do-alumnado-do-colexio-salle-denuncian-postura-negacionista-dunha-profesora/20210222184324116332.html


© 2021 Nós Diario