“A nacionalización das plantas de aluminio primario é a vía legal, posíbel e viábel para salvagardar a actividade e os empregos en Alcoa”

Un informe xurídico solicitado pola CIG á Universidade da Coruña avala a intervención pública das factorías.

udc cig alcoa roda de prensa
photo_camera Presentación do informe.

A intervención pública das factorías de aluminio primario de San Cibrao, A Coruña e Avilés é “legal, posíbel e viábel”. Así o conclúe un informe xurídico elaborado polo profesor titular de Dereito Administrativo UdC, Carlos Aymerich, e solicitado pola CIG, a respecto da posibilidade e as modalidades da adquisición pública das factorías como vía para manter a actividade e o emprego nun sector considerado estratéxico.

“Esta intervención resulta plenamente conforme ao ordenamento español e europeo e podería facela tanto a Administración estatal, como a galega ou ambas as dúas”, sinala a central nacionalista nun comunicado.

O documento vén completar e actualizar o informe previo elaborado por Aymerich, tamén a petición da CIG, tendo en conta a situación da planta de Alcoa San Cibrao, o incumprimento das condicións de venda das factorías da Coruña e Avilés e os cambios na UE a raíz da crise sanitaria da Covid19.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que "en abril de 2019 presentamos o primeiro Informe sobre adquisición pública das factorías de Alcoa A Coruña e Avilés, e hoxe actualizámolo sobre a dramática realidade en San Cibrao". Lembrou que daquela, a central nacionalista remitiulle o parecer xurídico ao presidente da Xunta, á ministra de Transición Ecolóxica e á ministra  de Industria, "sen que a día de hoxe tiveran dado ningún paso, máis ben ao contrario. O lamentábel papel da Xunta de Galiza e do Goberno español ten creado as condicións para a tormenta perfecta que nos pode levar á ruína".

O aluminio e a enerxía, continuou, son sectores estratéxicos en Galiza, pero neste momento está en risco a súa continuidades "sen que desde o Goberno galego se teña tomado nin unha soa iniciativa para impedir o peche das empresas polo alto prezo da enerxía".

A CIG reclama ao Goberno galego e ao Goberno español actuación rápidas e decididas "para intervir publicamente as fábricas por calquera das vía que legalmente está demostrado son posíbeis,  porque é a única vía a día de hoxe para garantir o emprego, a actividade produtiva do aluminio e que as cubas non paren en San Cibrao".

Águeda Montero, delegada da CIG en Alcoa San Cibrao, reclamou a intervención con urxencia porque "co ERE enriba da mesa non temos tempo para desenvolver a proposta que presentou o Ministerio nin materializar outras solucións". Julio Moskowich, delegado da central en Alu Ibérica, aseverou que "sería imperdoábel que se perdera a produción de aluminio primario en Galiza" e alertou da enorme incerteza que pesa sobre a planta Coruña tras os incumprimentos de Parter no plan industrial e a dubida adquisición de Industrial Riesgo.

Pola súa banda, Carlos Aymerich  reiterou que, dende o punto de vista legal, non hai impedimento no dereito español nin europeo para que os gobernos interveñan as factorías de aluminio, "pero precísase é vontade política". Salientou que os poderes públicos galego e español poden recorrer á recapitalización ou á toma de control público das plantas para garantir garantir o mantemento da actividade e o emprego.

Esta nacionalización xustificaríase en aras do salvagardar o interese xeral e a utilidade social destas instalacións, atendendo ao elevado volume de emprego, a completar o ciclo produtivo ou á importancia da produción do aluminio para sectores como o automobilístico, aeroespacial, construción naval, edificación, etc. Esta intervención tamén é extensíbel ás fábricas de aluminio primario da Coruña e Avilés.

A nacionalización, aclarou, "podería efectivizarse a través dos procedementos xerais previstos na Lei de Expropiación Forzosa ou por medio dunha lei que articulase un procedemento expropiatorio específico". Neste suposto, subliñou Aymerich, Alcoa estaría obrigada a prover de alúmina ás plantas en condicións de mercado.

Comentarios