Opinión

O nacionalismo como tarefa

En vésperas do acto patriótico en homenaxe á inmorredoira nación galega (25 de xullo en Compostela), vénnos á memoria esa Alba de Gloria de Castelao na que están integrados os nomes dos próceres e dos actores de diversos feitos patrióticos que tiveron a Galiza como obxectivo redencional, por parte dos provincialistas, rexionalistas, nacionalistas etc., que sustentaron a particularidade de que só Galiza debe ser gobernada polo pobo galego e non por foráneos, como manifestaron o Cura de Fruíme, Sarmiento, Faraldo, Murguía, Brañas, Castelao, Suárez Picallo, tan iluminados pola lapa do facho patriótico. Mais en todo ese proceso histórico non cesaron furiosos ventos antigalegos que zarandearon o resplandor desa luz até deixarnos sen orientación en noites precarias e tenebrosas. Mais a resurrección desa iluminación endexamais sucumbiu. Unha realidade que nos obriga a manternos sen temor na esperanza e na continxencia de abrir sucos nos que medre a certeza dunha fértil sementeira. Nesta dirección precisamos articular esforzos en tódolos trazos de unión, para  permanecer na autoestima de facer pobo verdadeiro no social e no patriótico.

Dicía Eduardo Pondal: “Os tempos son chegados”, e Manuel María particularizou: “Os tempos aínda non son chegados”. Vemos como dúas inercias ben distintas do noso sentimento nacional foron capaces de interpretar o punto de partida e aínda non o de chegada. Nestes albores dialécticos é preciso recorrer á praxe obxectiva e valorizar a situación actual sumida en tantos desatinos. A cuestión non radica entre o tempo certo e o tempo non chegado. Non hai contradición entre o que dixo Pondal e o que confirmou Manuel María. O poeta da Terra Cha sabía do máis elemental que precisaba Galiza nese espazo de desfeita; crear país e conciencia nacional desde moi diversos estadios significaba responder ás catarses que soportou o noso pobo, isto para el era fundamental e prioritario. Nesta dirección, só o nacionalismo pode crear un estado de conciencia e de debate capaz de abrir fendas e de neutralizar a mobilidade dos aparellos coloniais. E, tamén, ser capaz de illar aos cainitas que se disfrazan de patrioteiros, sen deixar de ser un vehículo de alteración e intransixencia fronte a problemas existenciais e de carácter identitario, que só os galegos debemos resolvelos, simplemente porque os coñecemos.

Só o nacionalismo pode crear un estado de conciencia e de debate capaz de abrir fendas e de neutralizar a mobilidade dos aparellos coloniais

Sabemos que despois de tanto desorde e desunión, entre os que se creen puros e os que se manteñen intanxíbeis, os galegos aínda non perdemos a capacidade de reencontrarnos na palabra que atinxe ao diálogo; reencontrarnos na unión de manifestarnos tódolos que senten os problemas e a desfeita social, económica e cultural que predomina no noso país. Por tanto é necesario reencontrarnos nas rúas e prazas de Compostela, manifestándonos con voz ergueita e invocando as diversas problemáticas que soporta Galiza. A unidade de acción é a que nos mantén firmes e convencidos de que o nacionalismo, como tarefa inmediata, será sempre o que nos permita ver horizontes de progreso e sentirnos lexitimados para abordar procesos de integración no que respecta ás particularidades máis esenciais da personalidade nacional de Galiza.

Na situación política actual, Galiza está máis no inferno que no limbo das contradicións partidistas. Unha desorde visíbel onde a magnitude discordante non aprace o que a gran maioría desexa que aconteza: o diálogo. Non un diálogo simplista e interesado, que sería reincidir no grande erro, polo que  continuaríamos sumando desencontros. Nesta realidade na que vivimos, bastante caótica, temos a necesidade de crear unha conducta que non nos disperse, como manifestou Agostinho Neto, neste poema: “Criar criar / criar no espírito criar no músculo no nervo / criar no homem criar na masa / criar / criar com os olhos secos”. Crear forzas de unidade e manifestalas o próximo 25 de xullo Día da Patria Galega, será unha maneira de confirmarnos na construción e no reencontro de todos os que sentimos unha Galiza ceibe.  

Comentarios