Opinión

O nacionalismo en pé

Os resultados das eleccións galegas confirman o Bloque Nacionalista Galego (BNG) como alternativa a un Partido Popular (PP) que é toda unha máquina de facer votos. Un Partido Popular que, lembremos, contou con todo o apoio e a visibilidade dos grandes medios de comunicación, incluídas as voces da progresía española, que se afanaron en presentar Alberto Núñez Feixoo como a cara antagónica de Pablo Casado malia representaren o mesmo PP, disposto a pactar con Vox -como xa acontece en comunidades españolas- e que se manifestou da man dos ultraespañolistas na madrileña praza de Colón a mañá en que millares de galegas e galegos anegaban Compostela en defensa da sanidade pública.

Contábase cunha maioría absoluta de Feixoo. Cando menos así o apuntaban as diferentes enquisas, que non prognosticaban a magnitude do ascenso do BNG. Perseveranza é unha das palabras que definen a fronte nacionalista. Fixo historia da man de Ana Pontón e do seu equipo. Acertaron coas mensaxes centradas na súa líder, capaz de insuflar ilusión, esperanza e orgullo, e tiraron de marca GZ, con creadoras e creadores que asinaron a campaña do entusiasmo.

A onda Pontón, á que se sumou moita mocidade, é a punta do iceberg dun BNG cuxos e cuxas militantes -que son o seu maior activo- traballaron arreo nos últimos anos para rexurdir con forza e xuntar ao redor dun proxecto nacional máis de 300.000 persoas.

O efecto Pontón evidencia que vivimos un tempo de liderado feminino e feminista, sempre en chave nacional. Un cambio de ciclo que comeza este 12 de xullo e que sitúa o BNG no mellor posto de partida para construír unha alternativa real ao Goberno de Feixoo.

Outra das lecturas que nos deixa a xornada é a relativa ao ultraespañolismo. Galiza é un dique de contención da extrema dereita, que malia apostar forte na campaña galega e contar cunha presenza esaxerada nos medios de comunicación maioritarios non conseguiu representación ningunha. O 12-X certifica, ademais, a defunción do proxecto nado ao redor de En Marea, ao pasar de 14 a cero escanos.

Toca agora vogar para erguer un Goberno de país, forte, que se faga valer, confíe nas potencialidades da Galiza e traballe polos intereses das galegas e galegos. Fica moita historia por escribir.

Comentarios