Opinión

Nación de vacas

Son tempos estes de velocidades estremas, de novas que viaxan coa velocidade da luz. Tempos nos que soñar resulta un exercicio titánico e insólito. Porén, precisamos seguir soñando e experimentado outras formas de relacionármonos no mundo, afastando os multiples obstáculos que frean a nosa imaxinación, que impiden que sigamos avanzando. 

A voráxine dos feitos consúmese en ondas de sucesos complicadísimos de dixerir, datos illados uns doutros neste infinito puzzle en que se converte esta forma de vida privada de suxeit@s que dispoñan de espazos nos que fortaleceren o pensamento coa acción e a acción coa reflexión.  

Dispor de tempo para pensar as múltiples desolacións é hoxe unha urxente necesidade;  pois precisamos investigar vías de auténtica transformación das graves desordes que a nosa enfermiza maneira de sobrevivir, e de explicármonos, provoca.

As vidas humanas importan, precisan de toda a nosa sensibilidade e atención, porque están sendo seriamente ameazadas por formas económicas, e mecánicas mortuorias, que as destrúen. Mais non son as humanas as únicas vidas que debemos protexer, como nos veñen advertindo dende hai moitas décadas as organizacións ecoloxistas, feministas, pacifistas ou as poucas formas de cultura indíxena que ainda poidan ficar en pé neste planeta esnaquizado por esmagadoras imposicións. 

O capital tece as súas redes coa demolición dos soños, co afogamento dos pobos e as culturas. O aínda tan prezado mal experimenta con toda forma de vida ata lograr atrapar os seus segredos comerciais, a súa utilidade produtiva. Transforma o capital a vida en pesadelo, a esperanza en sepultura, a dignidade en antesala da morte. 

Galiza foi o pais do millón de vacas, así nolo relataba hai unhas décadas Manolo Rivas, moit@s limos con entusiasmo aqueles seus relatos. Nunca imaxinei que aqueles contos puidesen ter un fin, sempre pensei que se trataba dun relato inacabado, que habíamos de enmendar con el o noso mundo. Que as vacas gozarían sempre nesta terra, que era quen de nomealas con nomes propios. 

Mais confundimos os nomes, os afectos, os referentes, os propios soños confundimos…  E viñeron os tempos de lles explicar as futuras vidas do porvir, as que realmente importan (Feixóo dixit), cómo as vacas que existiron aquí hai moitos moitos anos, tantos que xa ninguén recorda como é que eran esas magníficas rumiantes, e por que foron condenadas a facer parte dun extenso catálogo de exemplares en vías de extinción, técnica e eficazmente programada, ata acadar, de forma case natural e unánime, o fin que o programa capital tiña previsto. 

Cómpre pedir explicacións e reponsabilidades políticas a quen corresponda, por estes e outros feitos  semellantes, que obrigan a esta terra  a espertar xa desta súa longa noite de pedra que semella non ter fin… como alentaron Celso Emilio Ferreiro ou o grande mestre Avilés de Taramancos: 

Terra querida, que sempre chegas tarde

ou chegas antes ou despois da História

e andamos foscos no correr do tempo.

Hai que  romper, romper agora!

E recuperar os cantos de Manuel María: 

Temos que encamiñarnos pró albor

e andar polo chao con pé seguro!

Temos que sementar amor e mais furor

Para colleitar espranza e mais futuro!

Pois xa abonda tanta desolación, tanta impotencia social, tanta desfeita! Querémolas a todas e querémolas vivas! Que ningunha máis sexa vítima do desamparo, da inanición, do  desafiuzamento, ningunha máis privada do seu dereito a vivir e gozar da felicidade nesta que sempre foi e haberá de ser nación de vacas.

Comentarios