Nace unha revista para as "agrupacións poéticas de base"

Promove o colectivo Nova Poesía Guitírica
npggazeta
photo_camera Detalle da páxina web da revista npgGaZeta.

npgGaZeta é a revista coa que o colectivo Nova Poesía Guitírica de Guitiriz quere delimitar un terreo para "as agrupación poéticas de base". O seu primeiro número, o cero, vén de saír do prelo e está tamén dispoñíbel en formato dixital.

"A poesía non é pequena, podes percorrela de norte a sur e de leste a oeste sen acadar xamais os seus confíns", afirma a publicación na súa Declaración de intencións, "pularemos polos nosos anceios: compartir diálogo e liberdade, idiomas e cultura, expresión e comunicación, beleza e reflexión no taller da palabra". Nova Poesía Guitírica busca unha poesía á marxe "do ámbito sublime e elevado": "A poesía reside no cotián das mulleres e homes de aquí e de agora, ou non é poesía no sentido pleno".

O número cero de npgGaZeta ten 60 páxinas e inclúe 26 poetas inéditos en libro que escollen un poema doutros 26 poetas éditos. Así, fórmanse parellas como Loreto de Castro e Ricardo Carvalho Calero, Manuel González e Lois Pereiro, Cris Amoedo e Miriam Ferradáns, Teresa Ríos e Ismael Ramos, ou Rosa Salanova e Eduardo Estévez. Ademais da revista, Nova Poesía Guitírica promove o Certame Vilariñas de micropoemas galegos.

Comentarios